A Xustiza arxentina ordena a Milei que reparta as 5.000 toneladas de alimentos gardados que rexeitara distribuír

Substituído o xefe de Gabinete para "brindar maior volume político".
Javier Milei. (Foto: Matías Baglietto / Europa Press)
photo_camera Javier Milei. (Foto: Matías Baglietto / Europa Press)

O xuíz federal arxentino Sebastián Casanello emitiu unha orde para que en 72 horas o Ministerio de Capital Humano do Goberno de extrema dereita de Javier Milei entregue unha relación das 5.000 toneladas de alimentos non perecedoiros que garda a institución e “de inmediato” comece a súa distribución polo país, reportou na madrugada da terza feira o xornal Página12.

Casanello xustificou a decisión en estatísticas que sitúan máis da metade da poboación arxentina por baixo do limiar da pobreza, após o incremento desde a chegada da ultradereita ao poder. O Executivo anunciou que recorrerá a decisión.

Ataque aos comedores

A resolución prodúcese no medio da tentativa gobernamental de expulsar os movementos sociais da xestión dos comedores sociais, dos que dependen catro millóns de persoas, sobre todo crianzas, e no marco da que freou a distribución de comida e fondos.

Ao desvelarse a existencia deses alimentos, adquiridos polo Goberno anterior, de signo progresista, o Executivo rexeitou que tivese intención de distribuílos, argumentando que estaban retidos por supostas irregularidades nos comedores, antes de asegurar que constitúe un fondo para emerxencias.

Cambio no Goberno

En paralelo, presentou a súa renuncia o xefe de Gabinete, Nicolás Posse, que foi substituído polo até o de agora titular de Interior, Guillermo Francos, para “brindar maior volume político”, relatou a Presidencia.

No seu lugar foi elixido Lisandro Catalán, mais o Ministerio pasará a ser unha Secretaría dependente de Francos, que subliñou que foi designado posto que Milei se decatou de que “coa política arxentina a el fáiselle complicado, porque non a entende”.

Comentarios