Ataque Escampe, Coke Céspedes, Patricia Moon, Frans Banfield, Davide, e a Coral de Beade poranlle música a un recital conducido por Yolanda Castaño, que contará con Iolanda Zúñiga, Rexina Vega, Inma López Silva e Alonso Montero, amais das alumnas da Escola de Arte Dramática de Galicia (ESAD) e mais estudantes de bacharelato do IES Álvaro Cunqueiro.
No 2012, Ano Celso Emilio Ferreiro, fanse cen anos do nacemento do escritor e cincuenta do seu poemario máis coñecido, Longa noite de pedra. Concertos, edicións conmemorativas, xornadas e unha mostra interactiva, son algunhas das propostas para celebrar esta efeméride.
A exposición, actualmente na Casa da Xuventude de Ourense, poderá visitarse desde o 11 ata o 28 de xuño na biblioteca nodal de Vigo.
Pola súa banda, a Real Academia Galega celebrará mañá na Celanova natal do poeta un pleno extraordinario no Auditorio Municipal, en que intervirán Margarita Ledo Andión, Darío Xohán Cabana, Francisco Fernández Rei, Salvador García-Bodaño e Xosé Luís Méndez Ferrín.