Un ‘Black Mirror’ para denunciar a problemática dos galegofalantes no día a día

A Mesa pola Normalización Lingüística presenta a curtametraxe ‘S.C. Atréveste a vivir a experiencia?’ para denunciar e ‘viralizar’ a problemática das persoas galegoflantes no seu día a día. 

Unha curtametraxe na que as dificultades do día a día nos galegofalantes xoga coa fición para denunciar o que é real. Dentro da campaña para impulsar a Iniciativa Lexislativa Popular para  a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico, A Mesa pola Normalización Lingüística presentou esta iniciativa que decorre no marco da campaña ‘Sentido Común’, creada para conseguir sinaturas pola garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico.  Creouse así SC como unha suposta webserie, “unha ferramenta visual, atractiva e que xoga en certa maneira coas novas tendencias (está inspirada nun capítulo da serie Black Mirror) para conseguir viralizar a campaña. Nesta curta móstrase como ficción unha situación complexa para os galegofalantes e como  o día a día vai demostrando que é totalmente real”.

Na presentación interviron o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, a secretaria xeral da Mesa pola Normalización Lingüística, Mónica Pazos, o representante de Desoños, Carlos Álvarez, o guionista da curtametraxe, David Rodríguez e o representante da produtora Deica Audiovisual Paulo.

Ao longo de todo o capítulo faise referencia visual ás siglas SC, das cales se descubre o seu significado ao final: Sentido Común, lingándoo desta maneira á infografía que aparece xusto despois e coa que se lle desvela aos espectadores que realmente se trata dunha campaña e que é o que se quere conseguir coa mesma.

Marcos Maceira manifestou que “o obxectivo desta curtametraxe é achegármonos e xerar debate “que a xente se pare a facerse preguntas e se cuestione unha realidade que ás veces pode chegar a parecernos ficción. Pórse no lugar da protagonista e cuestionarse se realmente é esa a posición que cren que lle corresponde ao galego”.

A Mesa pola Normalización Lingüística está a desenvolver unha intensa campaña por todo o país para dar a coñecer a ILP para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico. Esta campaña ten data de remate o 21 de setembro.

Comentarios