PALABRAS CON MEMORIA

Cando calquera pasa a ser protagonista

axando
photo_camera Unha ave levantando o voo, ou sexa, axando

Axar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Levantar o voo as aves. Tamén se di cando o vento eleva calquera cousa. Exemplo de uso: “Non colgues a roupa fóra, que che vai axar co vento”.

Lugar de escoita.- Carbeiral- Bardaos (San Sadurniño).

Fonte.- Avelino Sanjurjo Beceiro.

Outros apuntamentos.- A fonte informa que lla oíu á súa avoa nada en 1906 e residente na parroquia indicada. 

Calloubeira.- (Ademais de significados xa rexistrados) Dise do caldo cando se fai apurado e de calquera maneira. Caldufada. 

Lugar de escoita.- Zona de Meira (Lugo)

Fonte.- Andrés Lombardía Crespo.

Outros apuntamentos.- Polo xeral calloubeiro/a aplícase ao mal cociñeiro/a que fai calloubadas ou caldufadas ou caldoadas, pero polo que se ve na zona referida é o resultado o que se recibe ese nome.

Equinocio.- (Ademais do significado coñecido) Lea monumental ou desastre de calquera tipo, especialmente natural. Exemplos: "Fixo un equinosio", "Foi un equinosio".

Lugar de escoita.- San Mamede de Carnota (A Coruña).

Fonte.- Mar Llinares García.

Outros apuntamentos.- Pronunciada con seseo, como se pode ver nos exemplos.

Fuliqueiro.- Persoa disfrazada de calquera maneira, coa cara cuberta cun trapo ou careta e roupa vella. Tamén se aplica á persoa que anda mal vestida.

Lugar de escoita.- Navia de Suarna.

Fonte.- Marcos Seixo. 

Oranghe.- Refresco con gas, de calquera sabor.  Exemplo: “Ponlle ao neno un vaso de oranghe de limón coa merenda”.

Lugar de escoita.- Burela (Mariña luguesa)

Fonte.- Mario Ferreira.

Outros apuntamentos.- Apunta a fonte que a palabra, tomada directamente do inglés, é usada unicamente polas persoas maiores. Deberon aprendela das etiquetas destas bebidas, aínda que a empregan para calquera sabor.

Prouso, a.- De calquera xeito, ao chou. 

Exemplos: “Botar o móbil a prouso no bolso”./ “A area viña a prouso no camión”.

Lugar de escoita.- Sta. María de Covelo (Covelo).

Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

Xingardía, a.- De calquera maneira, a rumbo. Exemplo: “A terra do leirato non semellaba ter bo tempeiro e sementei a xingardía”.

Lugar de escoita.- Cabeza de Manzaneda (Ourense).

Fonte.- Benxamín Fernández Yáñez.

Comentarios