O BNG impulsa iniciativas contra os crimes franquistas nos parlamentos galego e europeo

Representantes da fronte nacionalista amosaron o seu apoio á querela contra os crimes franquistas impulsada pola avogada arxentina Inés García Holgado

bng

A deputada do BNG, Ana Pontón acompañada da representante da fronte nacionalista en Europa, Ana Miranda, Iago Lestegas, membro de Galiza Nova e Ernesto Vázquez-Rei, Membro do Padroado da Fundación “Alexandre Bóveda”, amosaron esta quinta feira o seu apoio á querela contra os crimes franquistas impulsada pola avogada arxentina Inés García Holgado

Na comparecencia ante os medios de comunicación, Ana Pontón anunciou a presentación de novas iniciativas contra os crimes do franquismo no Parlamento galego, compromiso que tamén adquiriu a   representante do BNG en Bruxelas, Ana Miranda  para  impulsar  este  debate na Cámara europea.

A avogada, Inés García Holgado, primeira querelante en Arxentina  contra crimes do franquismo, mostrou a súa satisfacción ante o  traballo realizado polo BNG e cualificou de “excelentes propostas” as iniciativas nacionalistas neste ámbito. Após agradecer ao BNG o seu interese e implicación na denuncia de crimes franquistas así como o  apoio á querela presentada en Arxentina, asegurou manter a “esperanza” e lembrou que a orde ditada pola xustiza arxentina terá efecto no momento en que as persoas imputadas sexan detidas pola Interpol ao traspasar as fronteiras españolas.

Dereito a coñecer

Para Ana Pontón é urxente “investigar os crimes do franquismo” e que o Estado español non negue o “dereito á verdade e a reparación”. Lementou que o  Goberno español impida investigar os crimes e mesmo, o actual ministro de Xustiza se declare “en rebeldía contra a xustiza internacional” ao  denegar as peticións xudiciais arxentinas.

Pola súa parte, Ana Miranda lamentou o “incumprimento e rebeldía” do Goberno español á respecto da petición de Arxentina e reclamou a “reparación” da memoria das vítimas. Miranda censurou que en Europa exista un  Estado que non condenou a ditadura e o franquismo polo que reiterou a súa intención de denuncialo en Bruxelas e acusar ao Estado español de incumprir o Dereito Internacional.

Comentarios