O campo de concentración de Oseira situábase á dereita da entrada principal do mosteiro e oposto á frontal da igrexa. As orixes deste importante centro relixioso e patrimonial remóntanse ao século XI, momento no que un grupo de frades da orde do Císter se instalan na zona. Porén, o pulo do conxunto histórico e artístico coincidirá coa plena e baixa Idade Media, acometéndose, tamén, importantes actuacións durante a Idade Moderna.
O declive do mosteiro de Oseira está asociado ás políticas de desamortización promovidas polos liberais no século XIX, que provocarán o abandono do cenobio por parte dos monxes en 1835, abrindo o camiño ao espolio dos seus principais elementos patrimoniais, como o reloxo, instalado na casa do concello de Maceda; as fontes, colocadas en diversos xardíns e prazas da cidade de Ourense, ou o cadeirado do coro, vendido ao claustro da Universidade de Compostela. Malia que o relato oficial tende a situar o comezo dos traballos de recuperación do conxunto en 1929, coincidindo co retorno a Oseira da orde do Císter, non será até a chegada dos presos políticos cando estes se inicien realmente.
A chegada
Os primeiros presos políticos chegaron ao mosteiro de Oseira en agosto de 1936. Non é doado precisar con exactitude o número de persoas confinadas neste centro de reclusión nos anos que permaneceu aberto; porén, segundo os dados fornecidos por Xulio Prada e Domingo Teixeiro, “as opinións máis conservadoras e repetidas falan de que a cifra habitual de reclusos situábase arredor dos douscentos”. Así e todo, os mesmos autores sinalan que algúns testemuños dos propios retidos elevan o número até setecentos, indicando o historiador e preso político en Oseira Alberte Vilanova que a cantidade era maior cando o campo foi visitado polo director do xornal falanxista Arco, Filipe Fernández Armesto, e o gobernador civil da provincia.
[Podes ler a peza íntegra no número 356 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]