De cando o fogo consumiu a icona da industria nazi

O Hindenburg foi a maior nave a voar construída até o día de hoxe, con 245 metros de cumprimento e 41 de diámetro. O seis de maio de 1937 bastaron trinta segundos para pór fin a tanta marabilla e o fogo consumiu o orgullo tecnolóxico alemán. 

Captura de pantalla (53)
photo_camera Momento da explosión

A hipótese do atentado saltou inmediatamente. Atentado dos inimigos de Alemaña. Alentou esta teoría o explorador e aviador Wilkins: " É sumamente fácil disparar sobre un diríxibel con balas incendiarias a unha distancia de mil metros”. A teoría das balas tan abundantes nos USA.  Na mesma idea insistiu o filme Hindenburg (1975).

Na realidade todo o aparello era unha bomba a explotar en calquera momento grazas aos máis de 200 mil metros cúbicos de hidróxeno que albergaba no seu interior. 

Icona da industria nazi, foi amplamente empregado como elemento de propaganda desde o seu primeiro voo e durante os 14 meses de vida. Para as eleccións de marzo de 1936, que lle deron o triunfo a Hitler, mesmo se habilitou un colexio electoral a bordo para votaren as persoas que participaban neste acto de propaganda. 

Captura de pantalla (54)

Nesa mesma xornada eleitoral do 29 de marzo de 1936, ás 12.30 o Hindenburg aparece sobre a capital seguido a pouca distancia do Graf Zeppelin, a exitosa nave que o precedera. Ambos dirixíbeis lanzan paracaídas con grandes bandeiras coa cruz gamada. Antes, ás 10.30, os zeppelins voaran sobre a capital do Sarre. 

O Hindenburg, así nomeado en honra do presidente alemán, realizou, a comezos de abril de 1936, o seu primeiro voo a Brasil, a Rio. Establécese liña regular a Sudamérica. En maio de 1936 chega a primeira viaxe a Nova York. Foi unha auténtica exaltación de xúbilo. Cando chegou á altura do porto de Nova York os barcos alí presentes comezaron a facer soar as sereas. O dirixíbel voou sobre a cidade, a uns 600 metros de altura. Percorreu Broadway mentres unha multitude congregada nas rúas, prazas, mesmo nas terrazas dos arraña ceos, saudaba entusiasmada. Chegou escoltado por 20 avións. O triunfo da navegación aérea nazi parecía asegurado.

Sobre o ceo da Galiza

A expectación criada por esta máquina, presentada como solución definitiva para os voos transoceánicos, fixo que a prensa prestase moita atención e mesmo nos informase dos horarios:”El dirigible salió a las cinco y cuarenta de la mañana de hoy para realizar su segundo viaje a América del Norte. Lleva cuarenta pasajeros y mucho correo”.  Moitas son as crónicas xornalísticas que o sitúan sobre Galiza, rota case obrigada para as viaxes de alén mar. Non só do Hindenburg mais tamén do Graf Zeppelin. El Pueblo Gallego fala deste último nos seguintes termos: “Bautizado como un hotel aéreo o Graf Zeppelin conta cun comedor que pode usarse como salón de baile” O fotógrafo Pacheco conseguiu unha imaxe dp aerostato sobre o Hotel Moderno de Vigo. Tamén a prensa recolle o paso do Hindenburg sobre a Galiza, sobre cabo Vilano, a Torre de Hércules.


O dirixíbel voaba grazas ao hidróxeno, gas altamente inflamábel, e non con helio. E iso porque o exército de USA vetou a exportación de helio a Alemaña co que en principio ía voar o dirixíbel. 

O accidente de 1937, ou atentado, paraliza os voos comerciais. Dous anos despois a Pan Am abre a primeira liña entre Nova York e Marsella e faise co control das rutas aéreas a Europa. Boeing gaña a batalla a Zeppelin e os ceos que Hitler comezou a voar desde aquela, deixaron abandonada a idea dos dirixíbeis. Nunca máis voou unha máquina deste tipo. Pero segue a ser máis grande máquina voadora construído polo ser humano con 245 metros de cumprimento e 41 de diámetro. O seis de maio de 1937 reviviu o mito de Ícaro.

Comentarios