Faleceu o investigador e activista Carlos Parrado

Destacou como investigador do movemento guerrilleiro sendo o grande especialista na figura do resistente anarquista Ramón Varela “Curuxás”.
carlos parrado

O investigador e activista social Carlos Parrado vén de falecer na cidade da Coruña. Nado en Melide no seo dunha familia nacionalista, o seu pai foi fundador do Partido Galeguista na localidade no período republicano, incorporouse á loita nacionalista durante o franquismo. 

O enterro será esta cuarta feira, ás 17 horas, en Melide

Integrante da Asemblea Nacional-Popular Galega desde a súa fundación en 1975, fixo parte dos grupos de apoio ao operativo conformado pola Unión do Povo Galego baixo a dirección de Xosé Ramón Reboiras Noia, participando en diversas accións de loita contra a ditadura.

A súa ligazón co nacionalismo mantívoa até os últimos días. A este respecto, integrou  diversas candidaturas do BNG en Melide, desenvolvéndose como concelleiro entre 2016 e 2019. 

Unha vida a cabalo entre Melide e A Coruña

Parrado desenvolveu o groso da súa vida profesional na Coruña, cidade na que residía desde finais dos anos 70. Traballador do Banco Pastor, persoa de compromisos sociais, moi particularmente na Asociación de Veciños da Agra de Orzán, estaba tamén ligado a proxectos ambientais como da Eira da Xoana.

O amigo e dirixente da Asociación de Veciños da Agra de Orzán, Ricardo Seixo sinalou nas súas redes sociais “Tristísimo día. Vén de morrer o compañeiro, amigo e irmán na patria, Carlos Parrado. Fóisenos a voz solidaria e do afecto, o contador marabilloso e próximo, o brazo de axudar coa bandeira da xustiza e reclamar paz e verdade para os que aínda pretenden seguir a ocultar nas gabias”.

“Quedamos baleiros de esperanza e alagados de tristura, mais por todo o que nos ten dado e ensinado teremos de nos erguer para continuar a loita partillada. Grazas por todo, irmán”, conclúe Seixo.

Biógrafo de Curuxás

Carlos Parrado destacou como investigador do movemento guerrilleiro sendo o grande especialista na figura do resistente anarquista Ramón Varela “Curuxás”. Autor do volume “Curuxás, o guerrilleiro que non cazou Franco”, aínda fai dúas semanas publicaba en Nos Diario dentro do coleccionábel “As guerrillas galegas ao descuberto” un novo traballo sobre este fuxido.

O 30 de novembro, nunha entrevista publicada en Nós Diario, destacaba que “Curuxás” “era un mito para o pobo que lle profesaba unha grande admiración e nese sentido ofrecíanlle o seu apoio, mesmo conscientes dos riscos que corrían ao axudalo”.

O historiador Dionísio Pereira amigo de Parrado desde hai décadas lembraba que “investigadores como Carlos Parrado, merecen un recoñecemento”.

“Sen medios nin axuda ningunha, ás caladas, un feixe de boas persoas con fondo coñecemento da nosa idiosincrasia e do devalar da xente do común, contribuíron (e contribúen) de xeito determinante, para que no noso imaxinario colectivo tamén teñan cabida a rebeldía e a resistencia. Investigación pura e dura, sen aditivos, ao servizo do país”, conclúe Pereira

Comentarios