Un investigador galego analiza a represión franquista sobre o clero vasco: 17 cregos paseados, 200 presos e un millar exiliados

A Casa Museo Casares Quiroga na Coruña acolle esta quinta feira a presentación do libro de Anxo Ferreiro sobre a represión franquista contra a igrexa vasca.

Unha 'cruzada' bendita pola Igrexa católica como foi o alzamento fascista de 1936 tamén fusilou a curas, encerrou a cregos e expulsou ao exilio a outros centos deles. O mesmo Franco e xerifaltes fascistas que desfilaban baixo 'palio' como protectores do cristianismo estendían o terror contra aqueles e aquelas relixiosas que non comulgaban co fascismo español, nomeadamente en Euskal Herria.

O libro está prologado por Martín Orbe e Xabier Amuriza, dous dos curas vascos que estiveron presos na cárcere de Zamora nos anos finais do franquismo.

Un investigador galego, Anxo Ferreiro Currás (Vilalba, 1935) publicou o libro 'Consejos de guerra contra el clero vasco. 1936-1944. La iglesia vasca vencida'. Unha obra que, editada por Intxorta 1937 Kultur Elkartea, vai ser presentado agora na Coruña. A cita é na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña nun acto organizado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica.

A compromiso dunha parte significativa da igrexa vasca co euskera e cos dereitos de Euskadi como nación está na explicación en boa parte da represión que sofreu por parte do franquismo.

Nos primeiros meses do 'Alzamento' as tropas fraqnuistas asasinaron a 17 sacerdotes nas Dioceses de Gasteiz e Iruña. Os cadáveres dalgúns seguen aínda ser aparecer. Ademais, por volta de 200 cregos vascos foron procesados e xulgados en Consellos de Guerra. Moitos outros membros do clero casco, calcúlase que cerca do millar, tiveron que marchar a un longo exilio en distintos países de Europa e América para fuxir da represión.

Pero ademais do sufrimento que padeceron na cadea e no exilio, tamén tiveron que sufrir o desterro a outras dioceses do Estado Español despois de cumprir as condenas e incluso naqueles casos en que foron absoltos nos Consellos de Guerra. E eses desterros non foron obra dos tribunais militares e civís, senón da propia xerarquía eclesiástica, que os someteu sistematicamente ao abandono, ao desprezo e á calumnia mentres estiveron na cadea, no exilio ou no desterro.

O autor

Anxo Ferreiro Currás naceu en agosto de 1935 en Vilalba (Lugo). Realizou estudos eclesiásticos no Seminario de Mondoñedo. Foi ordenado sacerdote en 1960. Tralos sucesos de marzo de 1972 en Ferrol, sufriu prisión como consecuencia do seu compromiso coa loita polas liberdades, polos dereitos humanos e polos dereitos dos traballadores. Ao ano seguinte foi sometido a un xuízo ante o Tribunal de Orden Público (TOP). Formou parte do Consello editor da Redacción da revista Encrucillada, e participou na fundación da publicación Boa Nova, así como da Asociación Irimia

Comentarios