A Interpol reclama ao Estado español que deteña 20 altos cargos franquistas

Na orde de detención figuran Martín Villa, Utrera Molina (sogro de Gallardón) ou Osorio García, con responsabilidades tamén na Transición. O ministro de xustiza xa avanzou que non atenderá esa petición.

martin-villa (1)
photo_camera Martín Villa

A sección da Interpol de Arxentina vén de cursar unha comunicación con carácter de urxencia á oficina de Madrid solicitando a detención preventiva con fins de extradición de 20 persoas investigadas pola xuíza María Servini por crimes do franquismo. Unha listaxe de persoas entre os que hai persoas con importantes cargos de responsabilidade tamén na Transición española, como é o caso de Rodolfo Martín Villa.

Nun ditame de 307 páxinas o ministerio público arxentino demanda a imputación de ex-funcionarios da ditadura fraquista sobre os que emite orde de detención internacional no marco da coñecida como ‘Querela arxentina’. A orde de detención afecta a ministros fraquistas, membros do aparello xudicial daqueles anos e das forzas armados.

Os imputados

A maxistrada arxentina, para alén de imputar a Martín Villa (ministro de Gobernación entre 1976-79) e a Utrera Molina (sogro do ex-ministro Ruíz Gallardón), tamén imputa a ex-ministros como Carro Martínez, Licinio de la Fuente, Sánchez ventura ou Osorio García. Considéraos responsábeis de acontecementos como a morte do libertario catalá Puig Antic, o asasinato de 5 obreiros en Vitoria ou dos últimos fusilamentos do fraqnuismo: tres militantes do FRAP e dous de ETA.

Por outra parte, esta quinta feira haberá no Parlamento galego un encontro do portavoz do grupo parlamentar do BNG Francisco Jorquera e a deputada Ana Pontón con Inés García Holgado, impulsora da querela contra crimes do franquismo en Arxentina.

Comentarios