A memoria esperta en Sober

Un pleno extraordinario inicia este 25 de outubro a xornada na que Sober fai un recoñecemento institucional ás persoas represaliadas en 1936. 

Maruja Vázquez
photo_camera Maruja Vázquez

Detrás dunha foto de Maruja Vázquez Suárez, mestra socialista asasinada en 1936, hai unhas palabras escritas polo seu pai. “Maruja Vázquez Suárez – mestra de Miño – fusilada polos fascistas de Pontedeume el 21 de Agosto de 1936. ¡Cobardes!”, lese. A concelleira de Sober, Paula Vázquez Verao interpreta a mensaxe como unha chamada á memoria daquel home que caeu nunha forte depresión despois do asasinato da filla, naquel día que, ademais de a Maruja mataban tamén o futuro de seu pai.  A Joaquín Vázquez lémbrano en Sober indo todas as tardes a un pequeno buraco a xeito de cova que fixera en Vilaescusa e que popularmente se coñece como “casiña do capitán”. 

A de Maruja Vázquez Suárez é unha das historias que a concelleira -concelleira non adscrita e membro de AGE- Paula Vázquez Verao recupera no seu blog. Canda ela, outros homes e mulleres de Sober recuperan nomes, imaxes e biografías que foran esquecidas case na súa totalidade. “Non había memoria. Mesmo para min foi unha sorpresa descobrir que en Sober houbera un forte activismo social e un forte sindicalismo agrario e obreiro. Nin podiamos imaxinar que a represión fora tan forte”, comenta Paula Vázquez Verao. 

En Sober celébrase esta mañá do 25 de outubro un pleno extraordinario para homenaxear ás vítimas do franquismo. Todos os grupos da corporación apoiaron este acto institucional que volve a á memoria veciños e veciñas que case ninguén lembraba. A concelleira Paula Vázquez Verao, promotora da iniciativa, difunde as súas historias desde un blog. 

Foi xa hai anos cando topou cunha realidade que descoñecía non só ela senón a maior parte da veciñanza. Nun acto en Lugo a vista foiselle para o libro de Carlos Velasco Represión e alzamento militar en Galiza (A Nosa Terra) e ali deu cos primeiros nomes. Logo veu a investigación de Mª Xesús Souto sobre a represión na provincia de Lugo no que  continuaron aparecendo pegadas das vítimas que en Sober se esqueceran. A partir de aí, Paula Verao canda outras persoas do concello comezaron dúas vías de recuperación, por unha banda a investigación e pola outra o recoñecemento institucional. A 25 de outubro de 2014, case oitenta anos despois, o Concello de Sober, por unanimidade, lembra aos veciños e veciñas que foron vítimas da represión imposta polo golpe militar de 1936. 

A investigación xa non é fácil. Hai historias que se saben, episodios que doen e se lembran con terror, persoas que aínda falan, mais documentar datos é xa complexo. No blog de Paula Verao aparecen biografías de homes e mulleres que padeceron a represión mais ela sabe doutros casos dos que nin o nome se coñece. Un dos que máis impactou na memoria colectiva, foi o dun home e unha muller asasinados na súa casa. Ela estaba a punto de dar a luz ao seu fillo. Foi en Fondón, Gundivós. 

"Mesmo para min foi unha sorpresa descobrir que en Sober houbera un forte activismo social e un forte sindicalismo agrario e obreiro. Nin podiamos imaxinar que a represión fora tan forte”, di Paula Vázquez Verao

Espiral de violencia 

Na declaración institucional que aproba este sábado 25 o pleno municipal de Sober dáse conta da dimensión da represión no concello. Fala dunha “espiral de violencia” con asasinatos, encarcelamentos, roubos e torturas. Vinte vítimas mortais e dúcias de apresadas con 356 rexistros documentados de persoas de Sober nas cadeas de Monforte e Lugo por causas políticas entre 1936 e 1940. 

 “A maioría da poboación de Sober percibía e percibe que a represión do rexime Franquista foi unha barbarie”, di o documento aprobado pola xunta de voceiros local por unanimidade no que se restitúe publicamente a memoria das vítimas que sofriron a represión en Sober. A declaración ten unha lembranza de recoñecemento tamén para a corporación democrática saída das eleccións de febreiro de 1936 e condena que os seus membros fosen afastados das súas funcións despois do golpe militar.

Desde hai anos, Paula Vázquez Verao agarda por este día, polo recoñecemento institucional a homes e mulleres que defenderon os dereitos sociais e as liberdades en Sober e que foron brutalmente represaliadas. A eles e a boa parte da sociedade que sofreu a violencia e as distintas modalidades represivas que o franquismo impuxo.

"Un dos que máis impactou na memoria colectiva, foi o dun home e unha muller asasinados na súa casa. Ela estaba a punto de dar a luz ao seu fillo". 

No seu blog prestan especial atención á opresión que sofreron as mulleres, ás tres procesadas por rebelión militar e auxilio á rebelión -dúas labregas de Doade-, á mestra asasinada , máis tamén ás torturas, roubos e violacións ás que foron sometidas, para eliminar calquera posibilidade de rebelión naquel concello que, sen que xa a veciñanza o lembre, homes e mulleres defendían os seus dereitos con entusiasmo. Recolle, por exemplo, que a memoria oral de Sober di que na Pena de Proendos raparon a todas as mulleres co fin de que delatasen aos seus familiares fuxidos. Escoitou Verao tamén a testemuña de persoas que lle contaron que a unha muller lle deron a beber gasolina con augarrás para que matala lentamente. Casos que seguirá documentando e que continuarán botando luz sobre a memoria esquecida de Sober despois do chegado día no que o concello recoñece ás persoas que deron a súa vida na defensa dos dereitos e liberdades. 

Comentarios