O neno Amado Carballo foi o vello paroleiro

Screen Shot 2018-06-22 at 10.34.13
photo_camera Fragmento do retrato de Amado Carballo feito por Maside

En marzo de 1912 Luís Amado Carballo (Pontevedra, 2 de maio de 1901) tiña dez anos. Nese mes, o día nove, o colexio Balmes de Pontevedra, onde realiza os primeiros estudos, celebrou no teatro de Pontevedra un acto a beneficio dos feridos de Melilla.

E alí xurdiu “de los labios de un prodigioso niño” o monólogo Un vello paroleiro que Heliodoro F. Gastañaduy (médico en Pontevedra, redactor de El Independiente e Diario de Pontevedra, colaborador en Galicia e Suevia), escribiu para Amado Carballo. Esta foi só a primeira das intervencións que se alongan até 1915. A seguinte foi o 28 de marzo dese ano no Petit Palais de Pontevedra. O neno, chamado agora Luisito Carballo, recitou “con encantador gracejo el monólogo ... Un vello paroleiro” e por iso escoitou unha grande ovación.

As representacións de 1913 correron a cargo de outro neno. Foi o caso do recitado na velada presidida por Filomena Dato no teatro Principal de Santiago os días 22 e 23 de marzo de 1913. Nesta ocasión foi o neno Emiliano Moreno Lira, “precoz artista” das escolas católicas de Marín.

Screen Shot 2018-06-22 at 10.36.50En 1914 de novo o monólogo de Gastañaduy é dito polo neno Luís Amado, “para o cal foi escrito polo seu autor” que o fai “con su gracia acostumbrada”. E en novembro de 1915, nun acto na honra do xeneral dos Franciscanos, voltou a escena “el joven Luís Amado”. Gastañaduy morreu en marzo de 1917. Un vello paroleiro seguiu formando parte do repertorio de veladas poéticas e literarias na Galiza e en América.

De Amado Carballo non nos constan máis interpretacións que aquelas da infancia, cando aínda vivía o autor daquelas “parolas” escritas para un rapaciño a quen a vida -morreu en setembro de 1927, con só vinte e seis anos- non lle permitiu chegar a ser, de verdade, un vello paroleiro.

Comentarios