No Día de Rosalía

Captura de pantalla (23)

A celebración do 24 de febreiro como Día de Rosalía parece consolidada. Mais algo tan simples como este recoñecemento demorou máis de 175 anos. Con anterioridade apenas aparece na imprensa referencia á da data de nacemento -si á da morte- a non ser en 1937, o ano do centenario.

Para o conmemorar, un dos proxectos máis ambiciosos foi o do Seminario de Estudos Galegos e a súa pretensión de editar unha escolma de lírica galega, da idade media ao grupo Nós e ás novas xeracións. A escolma comezaría cos poetas vivos á altura de 1936. Filgueira foi o encargado de o pór en marcha cun inquérito dirixido a medio centenar deles. Entre as respostas conservadas, a de Carvalho Calero que ten claro cal debe ser o obxectivo da escolma: “Non dubido que os poemas da Antoloxía terán que estar escritos en língoa galega e que iste criterio será absolutamente pechado. O contrario anularía o fin político-cultural que debe cumprir o frorilexio”

A escolma non se publicou. En 1937 Galiza xa non estaba para celebracións. Como moito, para misas, como a anunciada por El Compostelano, xornal que, na mesma páxina, daba conta de que 8 veciños de Boiro foron pasados naquela mañá polas armas contra os muros de Boisaca por delito de rebelión.

Curioso. 80 anos máis tarde a imprensa anda a falar a diario dese delito. E por certo, os veciños de Boiro eran simples militantes antifascistas.

Comentarios