INéS GARCíA HOLGADO, DEMANDANTE NA QUERELA CONTRA O FRANQUISMO

"A Transición foi un pacto de silencio entre todos os que a asinaron"

Neta de desaparecido e con dous tíos-avós fusilados, Inés García Holgado é unha das partes demandantes na querela presentada na Arxentina contra os crimes do franquismo. "Existe impunidade" para estes delitos no Estado español, afirma. 

Inés García Holgado
photo_camera Inés García Holgado

O seu avó está desaparecido. De seus tíos-avós conseguiu o sumario dos seus xulgamentos e condenas a morte após "quince anos de procura persoal". Agora Inés García Holgado é unha das partes demandantes na Arxentina contra os crimes de lesa humanidade cometidos durante a ditadura franquista. 

Coincidindo cunha visita a Galiza, onde foi convidada pola Comisión para a recuperación da memoria histórica da Coruña a unha conferencia, conversamos con ela sobre o procedemento xudicial e as ordes de detención ditaminadas nos últimos días, entre outros, contra o ex-ministro do Interior, Martín Villa. "O pasado nunca marcha", sinala lembrando a frase de Ernst Nolte. "E, neste caso, xurdiu coa xeración dos netos que queren saber onde están soterrados os seus avós".

"Teño máis familiares, mais non os presentei na querela porque nese momento precisabamos máis información"

Vostede é unha das partes demandantes na querela contra o franquismo presentada na Arxentina. Cóntenos o seu caso...
Presenteime o 14 de abril de 2010 xunto con Darío Rivas polos meus dous tíos avós, que foron fusilados, e por meu tío desaparecido. Ese día foi un dos de maior ledicia da miña vida. Esta é unha maneira de que os nosos familiares fagan parte da documentación xudicial. Teño máis familiares, mais non os presentei na querela porque nese momento cando a presentei precisabamos máis información que aquela coa que contaba. Daquela, non se facían denuncias nos consulados, como acontece agora que están a disposición. 

Conseguiu acceder aos sumarios dos seus familiares...
Si. Accedín eu após 15 anos de procura persoal, non xudicialmente. Agora o novo fiscal, Ramiro González, como medida pediu que todas as persoas que están na causa recibiran a documentación. Antes era moi difícil acceder á documentación que solicitamos. 

Existen moitas barreiras para acceder a ela?
Si porque son arquivos militares. 

Como conseguiu acceder á documentación?
Agora hai un sistema informático que se chama PARES. É virtual. Aí accedes ao que hai, logo tes que arranxar ti co arquivo, algúns pídenche que acredites que eres familiar con partidas de nacemento, outros non. Eu accedín grazas a un amigo investigador europeo que me axudou a conseguir os documentos do Arquivo Nacional de Salamanca. Mais non todo o mundo ten esa sorte. 

A querela foi presentada ao abeiro do principio de xustiza universal logo de que se puxesen fin ás investigacións por parte da xustiza española. Existe impunidade nos crimes do franquismo?
Totalmente. Considéranse os delitos do franquismo como delitos comúns, que prescribiron --cando os delitos de lesa humanidade non prescriben--, considérase que a Lei de Amnistía está en vigor mais está só competía aos crimes de intencionalidade política, en ningún momento se refire aos de lesa humanidade. Asemade, no dereito internacional fíxase que para os delitos de lesa humanidade non son de aplicación as leis de amnistía porque, do contrario, un ditador sería amnistiado e non podería ser castigado. Logo díxose que todos os asasinos estaban mortos mais resulta que hai vivos. E, aínda que o estiveren, existe sempre a posibilidade de investigación xudicial, que tamén é importante, aínda que non poidan sentar no banco dos acusados. 

"En España considéranse os delitos do franquismo como delitos comúns"

De feito, a xuíza enviou unha orde de detención contra responsábeis políticos do franquismo, entre eles o ex-ministro do interior Martín Villa...
Bon, como dixen nalgún momento é o triunfo do principio de xustiza universal. Que a xuíza pedise a detención destas persoas fai que nos animemos. No seu momento xa pedira a detención de torturadores, mais desta volta animouse a ir niveis máis altos, ministros, xuíces e tamén torturadores. Con esta decisión, dada á Interpol, nun comezo non poderían saír do Estado español. Cando menos molesta e iso xa é un pequeno triunfo para nós. Logo dependerá de que sexa outorgada a posibilidade de extradición e de xulgamento, mais inicialmente xa existen ordes internacionais de detención. 

Nese senso, como valoran a actitude do Estado español, após negárense tempo atrás a extraditar entre outros a torturadores como Billy el Niño?
Non se é demócrata se se é franquista. Iso dunha banda. Aliás, é impresionante que o Tribunal Supremo recoñecese no seu momento o principio de xustiza universal para outros países como Guatemala ou Arxentina, mais no seu propio chan consideran que ese principio non se aplica. É unha incoherencia total. Cremos que neste caso pode darse a orde de extradición. Sempre, hai que continuar insistindo, mais cremos que o goberno xa tiña que ter detido esta xente. Mais bon, imos ver como transcorre todo. Nós sempre temos esperanza. 

"No Estado español hai 114 mil persoas en fosas comúns, é incríbel que non se faga nada. España é o segundo país do mundo, despois de Camboia, canto á cantidade de persoas desaparecidas"

O que foi ficando en evidencia co proceso xudicial é que os responsábeis políticos franquistas, nalgúns casos, mantiveron cargos institucionais, políticos e civís após a morte do ditador, houbo realmente unha transición política despois da ditadura?

A transición foi un pacto de silencio. Todos os que a asinaron decidiron non falar máis, mirar cara ao futuro como se o pasado non existir. Iso é lamentábel, a Transición foi un pacto de esquecemento. Como di Ernst Nolte, o pasado non quere marchar, non se vai, sempre xorde nalgún momento. E, neste caso, xurdiu coa xeración dos netos que queren saber onde están soterrados os seus avós. Hai que dicir que hai 114 mil persoas en fosas comúns. España é o segundo país do mundo, despois de Camboia, canto á cantidade de persoas desaparecidas. É triste. Hai fosas con até 4 mil persoas, 2 mil, soterradas. É algo imposíbel de crer que non se faga nada. 

Como dicías antes, hai cargos políticos na actualidade --con nomes e apelidos-- que son descendentes do franquismo, Aznar por exemplo. Pensan igual e non lles convén pensar distinto. É tamén un asunto económico pois beneficiáronse durante a época do franquismo. 

Pode haber detrás dos casos de corrupción que se están a destapar, lazos coa ditadura?
Si, totalmente. O franquismo continúa no goberno e na mentalidade da xente, lamentabelmente. Hai moito movemento, no entanto, a prol da recuperación da memoria histórica, aquí na Galiza tamén. Estase a facer o que se pode mais é moito. O recoñecemento das vítimas é importante mais falta a xustiza. 

A ONU chamou a atención ao Goberno español pola actitude que mantén a respeito das vítimas...
Hai unha incoherencia total a respeito da xurisprudencia anterior do Tribunal Supremo. A visita da ONU foi moi positiva mais outros organismos internacionais tamén teñen que intervir. As demandas presentadas no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos foron rexeitadas. O problema tamén vén de organismos europeos. Estou a dicir cousas deprimentes [di entre sorrisos]. 

"As demandas presentadas no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos foron rexeitadas. O problema tamén vén de organismos europeos"

Aínda así, di que non perden a esperanza, imaxino que moita depositada nesa querela arxentina. Cal sería o mellor final?
Por suposto o mellor sería levar, aínda que só fose un responsábel ao banco dos acusados. Aínda que sexan moi velliños --como eles alegan. Non importa! Aínda que só estean un día no banquiño, dous no cárcere e despois morran, é o que ten que ser. Esa é a nosa función. O novo fiscal fixo un documento con todos os nomes dos denunciados e dos denunciantes por zonas. Eu amoseillo a unha persoa e emocionouse ao ver o seu nome dun documento xudicial. 

Axudaría que se producise un xulgamento, a reparar o dano causado?
Si, por suposto. Claro que si. Mais cómpre tamén a anulación de sumarios como aconteceu no caso dos nazis, ou en Francia. Os nosos, até o momento, continúan a ser considerados ladróns, asasinos... A anulación de sumarios deixaría libres os seus nomes e a súa honra. Iso é algo que debera terse feito hai moitos anos.

Comentarios