"Un afiliado do PP, que é grupo 3, manda no parque móbil como se fose un conselleiro"

A Xunta gasta un millón de euros en aumentar o seu parque móbil con novos vehículos. Mentres, un supervisor da flota é denunciado por "usurpación de funcións". 

miniatura_pax7
photo_camera miniatura_pax7

O Diario Oficial de Galiza publicaba a comezos do mes de marzo unha resolución de Vicepresidencia pola que se formalizaba un contrato de 'renting' que dotaba a Xunta de 58 novos vehículos por un prazo de catro anos a cambio de algo máis dun millón de euros e varios vehículos usados. Non é a primeira vez que o goberno de Núñez Feijóo bota man deste procedemento de arrendamento financeiro. Xa o fixo en 2009, tamén con 58 vehículos. Feijóo apostou nesta modalidade -xa empregada por gobernos anteriores- cunha novidade: publicitala como unha mostra de 'austeridade' fronte ao 'desbaldimento' do bipartito en vehículos de alta gama, un argumento que usou de forma insistente naquela campaña electoral. Nos seus primeiros meses anunciou a enaxenación e permuta de vehículos de alta gama, a inmensa maioría da época Fraga.

Mais Feijóo leva xa seis anos gobernando. E cando comezou, a mediados de 2014, esta operación pola que a Xunta gastou máis dun millón de euros en adquirir novos coches, nas instalacións do parque móbil da Xunta había nove audis, A6 e A8, vehículos de alta gama dos que Feijóo renegaba en 2009 até o punto de chegar a dicir que só subiría nun para "pendurar o cartaz de 'véndese'".

Mais no parque móbil da Xunta hai máis. Hai unhas semanas a CIG presentaba unha denuncia por "usurpación de funcións" contra o mecánico-supervisor do parque móbil. Consultados por Sermos Galiza, traballadores do parque institucional recoñecían que esta persoa, da que destacaban que presume de ser moi do PP "manda aquí como un conselleiro" malia ser grupo III, é dicir, "non pode dar ordes aos condutores". Mais, sempre segundo estas fontes, dáas. "É un can vello do PP, cando chegou o bipartito pediu a excedencia e cando volveu gañar Feijóo, volveu". E o sindicato nacionalista denunciouno porque no contrato de alugueiro de vehículos da Xunta coa empresa Atesa, quen figuraba nos contratos como arrendatario era este supervisor cos seus dados personais e mesmo a súa morada


A información completa neste Sermos Galiza nº138, que podes conseguir nos puntos de venda habituais ou na nosa loxa.

Comentarios