AGE denuncia no Parlamento o ‘’falseamento’’ de atestados policiais contra activistas anti-despexos

O deputado Antón Sánchez acusou o PP de ‘’normalizar a violación sistemática de dereitos humanos’ pola súa actitude perante os desafiuzamentos.

despexo arins
photo_camera Despexo en Aríns

AGE presentou unha proposición non de lei na que instaba á Xunta a solicitar ao Ministerio de Interior información sobre os feitos acontecidos en setembro pasado en Aríns (Compostela), durante o despexo dunha familia, e que derivaron nun xuízo contra 4 activistas. O deputado Antón Sánchez denunciou a “represión” do movemento contra os desafiuzamentos que, ao seu entender, protagoniza o PP e falou de atestados policiais “deliberadamente falseados”. Unha acusación feita no seu momento xa por Stop-despexos de Compostela.

“As multas aos participante nas protestas antidesafiuzamentos multiplícanse e, no caso da plataforma Stop Desafiuzamentos, especialmente”, dixo o parlamentario de AGE. “Parece que queren enviar a mensaxe de que a presión popular non pode mudar as cousas, mais a situación é crítica”. BNG e Grupo Mixto apoiaron a proposta realizada por Alternativa.

Non así o PP, que rexeitou por boca do deputado Gonzalo Trenor a proposta e acusou a Alternativa de levar iniciativas ao Parlamento para “defender os seus compañeiros”, mesmo referíndose á filiación política na FPG dun dos activistas, o que provocou que Beiras desde o escano preguntase a Trenor se eses datos llos facilitara “a brigada político-social”.

Durante 2014, executáronse 2.400 desaloxos de vivenda, lembra AGE. A Xunta realoxou 44 familias. Só na Coruña houbo 5.000 solicitudes, lembra Alternativa. 

Comentarios