Un díptico coas caricaturas de Mariano Rajoy e de Ángela Merkel no seu exterior, e cun preservativo no seu interior, protagoniza a campaña "Protéxete da Unión Europea", que está a levar adiante Galiza Nova entre a mocidade. A campaña anima a protexerse "coas políticas do BNG e facer o amor á galega". Quere, deste xeito, chegar á xente nova, concienciando sobre a importancia do voto nas eleccións ao Parlamento europeo do vindeiro 25 de maio e animando a rebelarse contra as políticas da Unión Europea da man do BNG.
A campaña , en verbas de Mera, está a contar cunha grande aceptación entre a mocidade. O secretario xeral de Galiza Nova anima a incrementar o apoio da xente nova con conciencia crítica e esperar o seu compromiso para un futuro mellor no que Galiza poida decidir. "Foi o BNG ─explica─ quen trasladou as reivindicacións dos numerosos movementos sociais galegos a Bruxelas, sempre con vontade firme e inequívoca para resolver os problemas que esmagan o noso país".