Ana Miranda pasa o día de reflexión en Cans, onde defende “a cultura participativa”

A candidata do BNG montou nun chimpín do famoso festival de cinema da parroquia do Porriño e pasou o resto do día xunto á súa filla. Votará en Bouzas, ao contrario que o candidato galego do PP, Millán Mon, que o fará en Madrid. Lidia Senra, de AGE, traballou no seu posto nun mercado da Coruña na véspera dos comicios.

Ana Mirandanova-crop
photo_camera Ana Miranda en Cans.

Ana Miranda, candidata do BNG ás eleccións europeas, aproveitou a xornada de reflexión para acudir ao Festival de Cans, onde estivo coa veciñanza e xente do audiovisual que dende hai once anos organizan esta cita cinematográfica “referencia mesmo a nivel europeo”, segundo destacou a candidata do Bloque, que foi recibida polo director do festival, Alfonso Pato, e montou nun chimpín, símbolo do evento, este ano especialmente adicado á lembranza do movemento Bravú.

Miranda “quixo apoiar coa súa presenza este festival” e reivindicou a “cultura viva e participativa” fronte á “cultura pechada en macroedificios baleiros” e destacou así mesmo o “glamour” do rural galego e as posibilidades que ofrece para vivir e traballar e producir. A cabeza de lista do BNG pasou o resto do día en Vigo, coa súa filla de dez anos. Vivirá o reconto electoral en Compostela após votar en Bouzas, na súa cidade.

En Madrid

O que non votará en Galiza será o candidato do PPdeG, Francisco Millán Mon, que o fará en Madrid. E Lugo emitirá o seu sufraxio José Blanco, candidato galego do PSOE, que entretivo a xornada de reflexión paseando polo parque natural de Carreirón.

Lidia Senra vendeu produtos ecolóxicos na Praza de Lugo, na Coruña, e votará en Vedra

Pola súa parte, a candidata de AGE, Lidia Senra, pasou a véspera das eleccións no seu posto de venta de produtos ecolóxicos no mercado da Praza de Lugo, na Coruña. Votará na Casa da Cultura de San Miguel de Sarandón, en Vedra. En Betanzos será onde deposite o seu voto Paulo Carlos López, de Compromiso por Galicia.

Comentarios