Ana Pontón compareceu esta segunda feira perante os medios de comunicación para anunciar que se postulará ao proceso aberto no BNG para elixir a persoa que optará á presidencia da Xunta nas eleccións ao Parlamento.
A portavoz nacional do BNG desde a XV Asemblea Nacional asegurou que adoptou a decisión após “ter falado con moitas persoas” e que outras se teñan dirixido a ela para dar o paso. Neste senso, amosou o seu agradecemento pola iniciativa impulsada por un grupo de militantes no que apoiaban a súa candidatura.
"As mulleres debemos rachar colectivamente cos teitos de vidro, situar no centro das políticas a defensa da igualdade, o feminismo"
Rodeada por unha vintena de mulleres militantes entre as que se atopaba a deputada Montse Prado, Ana Pontón asegurou que "á hora de tomar a decisión di que “foi importante o compromiso coa igualdade” cre que as mulleres “debemos rachar colectivamente cos teitos de vidro, situar no centro das políticas a defensa da igualdade, o feminismo” un “camiño”, di, “que non só queren camiñar as mulleres” senón “tamén moitos homes”, enfatizou.
A súa candidatura é até o momento a única feita pública á espera de que remate o prazo de presentación das mesmas na cuarta feira (20 de abril). Así as cousas, en resposta aos medios de comunicación, Pontón asegura que “facilitamos que calquera persoa se poida presentar e coa convición de que iso é positivo, non sei cantas organizacións pode dicir que para se candidatar só precisan o aval de 50 persoas” polo que a existencia de máis ou menos candidaturas, dixo, dependerá da militancia. “Nesta casa [o BNG] favorecemos a democracia interna”, subliñou.
O prazo habilitado polo Consello Nacional para presentar candidaturas remata o 20 de abril
De cara aos comicios que terán lugar este ano Ana Pontón defendeu o BNG como "unha alternativa clara e contundente" ao Partido Popular e ao "señor Núñez Feijóo" de quen dixo "é pasado". Fronte a iso, dixo, o Bloque preséntase como “un proxecto de futuro para a maioría social”, “as persoas que están a sufrir a precariedade nos seus traballos”, a que “tivo que emigrar e quere retornar”. “Somos unha alternativa para acabar co espolio e promover o resgate da maioría social” situando no centro, di, a “capacidade para decidir”.
“Galiza é mellor que o goberno que temos” e “as galegas e galegos temos moito que dicir e ilusión, esperanza por poder cambiar esta realidade”, afirmou.