Andalucía abre un sprint electoral

As autonómicas que teñen lugar hoxe supoñen o primeiro test das distintas e decisivas citas coas urnas que afronta o Estado español nun 2015 decisivo para o modelo actual. Está por ver a posíbel -seguramente pequena- influencia dos resultados en Galiza. Ás 14.00 horas, a participación subía cinco puntos respecto aos últimos comicios. 

susana-crop
photo_camera Susana Díaz.

Andalucía hoxe, en convocatoria adiantada, mide a posibilidade dun novo ciclo no Estado, no que é a primeira das varias chamadas ás urnas -logo veñen municipais, catalás e xerais- nun 2015 que apunta a fin dunha época. A maiores, malia a distancia, haberá que ver a influencia -pequena, pero existente- do resultado do sur peninsular na axenda política galega. 

A principal favorita nunha autonomía que sempre gobernou o seu partido é Susana Díaz, a presidenta do PSOE, capaz de liderar as enquisas (con matices) malia escándalos como os dos ERE, que teñen baixo óptica xudicial aos seus dous antecesores, ambos con cadeira de pracer á que non renuncian en Madrid. Pode gañar a socialista, pero non alcanzará a maioría absoluta. Da dimensión do resultado dependerá que o PSOE poida intentar, só intentar, vendelo como un síntoma de recuperación no Estado que chegue tamén a Galiza. Algo que semella complicado tamén porque Díaz non permitiu inxerencias madrileñas -Pedro Sánchez apenas apareceu- polo que pouco poderá sacar peito Ferraz, que é o fío directo do PSdeG. 

Podemos e Ciudadanos afronta a súa primeira cita tras as europeas; hai interese en ver a resistencia de IU

Quen se involucrou máis foi Feijóo. Viaxou máis dunha ocasión a Andalucía a facer campaña, pero a súa aposta vai camiño do desastre, cun candidato de baixo nivel como Moreno Bonilla. O PP parece destinado a un enorme castigo nunha comunidade que nunca lle favoreceu. Esa previsión alimentará aínda máis as alarmas de Rajoy e Feijóo. A preocupación entre @s dirixentes populares é cada vez maior. Pode crecer este domingo. 

Por último, Andalucía si será importante para o ánimo de Podemos (que presenta á esquerdista Teresa Rodríguez, crítica coa dirección de Pablo Iglesias) e Ciudadanos, tamén en Galiza, onde enfrontan -sobre todo no segundo caso- problemas de implantación semellantes aos que tiveron que resolver ás présas para presentarse a estes comicios. E haberá que ver como lle vai a Izquierda Unida, o que dará para moitas lecturas, non só respecto a esas siglas senón tamén en términos de resistencia ou de posibles novos pactos co PSOE tras o mal final da anterior lexislatura. Á noite, os resultados.

Comentarios