Anova, Esquerda Unida, Podemos e CxG a piques de integrarse en Marea Atlántica

A candidatura coruñesa convoca primarias para o 7 e 8 de marzo e aproba o código ético e a fórmula coa que presentarán ás eleccións, que será un “partido instrumental”, proposta que foi aceptada desde forzas como Anova, Esquerda Unida, Podemos, Compromiso ou Equo a falta da confirmación dos respectivos órganos ou asembleas internas.

marea-crop
photo_camera Representantes de Marea Atlántica, nun acto. / Sandra G. Rey

Marea Atlántica, a candidatura que se presentou en verán do ano pasado na Coruña como “iniciativa cidadá e espazo de confluencia” aprobou este sábado por aclamación tres propostas organizativas chave, entre as que se atopa a convocatoria de eleccións primarias con listas abertas o 7 e 8 de marzo para elixir -por separado- cabeza de cartel e lista de candidat@s. Poderán votar todas as persoas que teñan asinado o seu manifesto inicial. Ademais, aprobaron un código ético e tamén a fórmula que usarán para presentarse aos comicios municipais do 24 de maio, que será como “partido instrumental”.

Neste sentido, os documentos aprobados por Marea Atlántica obtiveron o apoio de persoas pertencentes a diversas formacións políticas, que agora terán que decidir nos respectivos órganos ou asembleas internas a súa integración -sen siglas- dentro da candidatura, que non aceptará imputad@s ou persoas que formaron parte no pasado dos gobernos locais. Do acordo que a iniciativa electoral acadou participaron Anova, Esquerda Unida, Podemos, Compromiso por Galicia, Equo e Espazo Ecosocialista, que case seguro acabarán apoiando a Marea Atlántica e mesmo presentando persoas nas primarias para faceren parte da candidatura.

A candidatura non aceptará imputad@s nin persoas que formaran parte de anteriores gobernos locais

Deste xeito, a Marea coruñesa desbotou -co referido apoio inicial das forzas que compoñen AGE ou de Podemos- a posibilidade de presentarse como coalición electoral ou agrupación de electores, algo que noutras latitudes IU non ten aceptado, por exemplo en Madrid. En Galiza, segundo a súa voceira Yolanda Díaz, “a fórmula da candidatura non será problema para crear unidade popular”.

Así mesmo, Marea Atlántica presentou un código ético segundo o cal @s representantes elect@s non poderán ocupar un cargo máis de dúas lexislaturas nin ingresar máis de 40.000 euros brutos anuais. Tamén terán que facer públicas todas as súas contas e patrimonio, quer durante o mandato quer durante un período despois de deixar o posto.

Comentarios