Unha circunscrición chave para o 25S

As batallas por Pontevedra

Din que a batalla por Pontevedra será decisiva. Á batalla por conquistar o electorado de cara ao 25 de Setembro súmanse os problemas internos que arrastran as diferentes forzas que concorren pola circunscrición, problemas que lonxe de minguar, agudízanse a medida que se achegan as eleccións.

Carmen Santos, nun acto de En Marea
photo_camera Carmen Santos, nun acto de En Marea

A guerra de Abel Caballero e do aparato provincial do PSOE contra Xaquín Leiceaga, a lea dos socios que conforman en Marea, o conflito das partes que conforman Podemos ou o confronto das diferentes forzas que fan ou facían parte do Foro Galego. A outro nivel e dunha natureza distinta, o PP e o BNG deberán resolver a súa propia problemática, enfrontados a unha campaña inédita para ambas organizacións. Xa que logo, son moitas e complexas as batallas que se libran en Pontevedra, de cuxa resolución dependerá o escenario postelectoral de Galiza.

Abel Caballero non dá tregua na súa loita contra Leiceaga. A dirección galega do Partido Socialista dá por descontada a política de brazos caídos durante a campaña do sector de Abel Caballero, que aglutina aPresidente da Deputación Carmela Silva e a práctica totalidade dos alcaldes así como a maioría do aparato do partido na provincia, e está convencida de que o rexedor vigués vai seguir facendo público o seu rexeitamento ás candidaturas. A demisión de 5 membros da lista de Pontevedra, a ausencia do cabeza de lista Abel Losada no primeiro acto de Leiceaga en Vigo ou a non asistencia de Caballero á festa do PSOE en Galiza, na que participará Pedro Sánchez,  indica ás claras a liña de actuación deste grupo, decidido a ofrecer munición mediática ao adversario até as eleccións. Abel Caballero, cuxa actitude lembra a de Francisco Vázquez en relación con Fraga na década dos 90, está noutro proceso electoral, o que se iniciará no PSOE a partir do 25 de Setembro e no que aspira a tomar o control do partido en Galiza fronte aos herdeiros de Besteiro. Ao fin Leiceaga semella como vítima propiciatoria dos seus, despois de aceptar liderar unhas candidaturas pensadas non para derrotar o PP senón para xestionar a herdanza de Gómez Besteiro unha vez dimitido o antigo presidente da Deputación de Lugo.

O trunfo esmagador de Podemos nas primarias de En Marea en Pontevedra non dá para calmar as pelexas internas

O trunfo esmagador de Podemos nas primarias de En Marea en Pontevedra non dá para calmar as pelexas internas. A formación morada dividida en 3 partes , que acadou 4 dos 5 primeiros postos na candidatura desta circunscrición, o outro posto restante é para a secretaria xeral do PCG Eva Solla, segue enfrontada nunha guerra irreconciliábel. Unha parte, que se corresponde coa maioritaria na dirección galega de Podemos, coloca en postos de saída Carme Santos, secretaria xeral de Podemos e Xoán Merlo; outra facción, neste caso próxima á andaluza Teresa Rodríguez, sitúa Paula Quinteiro e unha terceira,  liderada pola deputada no congreso Ánxela Rodríguez, introduce no segundo post  Marcos Cal. Precisamente, as graves acusacións nun foro interno de Podemos de Ánxela Rodríguez “Pam” a Carme Santos, supostamente filtradas polos próximos a esta, e nas que se refire á secretaria xeral de Podemos e  cabeza de lista de En Marea por Pontevedra como “la puta coja”, en  relación a unha minusvalía de Santos, definen o nivel de conflitividade en Podemos. Porén, esta batalla interna non fai máis que reproducir as leas que a formación morada ten  no Estado, entre os “errejonistas”, cuxa cabeza visíbel é Ánxela Rodríguez, os “anticapitalistas” de  Teresa Rodríguez, representados en Pontevedra por Paula Quinteiro, e o grupo de Pablo Iglesías, do que fai parte Carme Santos, amadriñada no seu dia por Carolina Bescansa.

As forzas organizadas no “Foro Galego”, isto é Anova, Cerna e Abrente, ficaron fóra dos postos de saída de En Marea nesta circunscrición. Nin Mariano Abalo de Anova, nin Manuel González Moreira de Abrente, nin Chelo Martínez de Cerna, contan con posibilidade algunha de entrar no parlamento, feito do que acusan a Cerna desde sectores de Anova e Abrente. Así as cousas, son moitas as voces que dan por finiquitado o “Foro Galego”, plataforma que non se reúne desde antes das primarias, e que é acusada por parte dalgúns dos seus fundadores como “unha argallada de Abrente para pillar cacho nas listas”. As críticas contra Abrente van máis ala, entendendo algunha das partes do Foro que a ausencia de Manuel Antelo, Alcalde de Vimianzo e persoa de Abrente, na xuntanza de coordinadora de En Marea onde se aprobou que os inscritos de Podemos votasen nunha plataforma dixital diferente á do resto dos inscritos nas primarias de En Marea agochaba un pacto entre este colectivo e os podemitas á marxe do acordado polo Foro. Non se libra destas críticas Xosé Manuel Beiras, tamén ausente nesta xuntanza, porén os de Anova e Abrente denuncian o “dobre xogo” de Cerna, por romper os acordos previos sobre a configuración das listas en Lugo, onde conseguen colocar no segundo posto Paula Verao cunha espectacular votación no sur da provincia. Sexa como for, o “Foro Galego” como espazo de confluencia e xermolo dunha nova organización política, semella amortizado.

Son moitas as voces que dan por finiquitado o “Foro Galego”, plataforma que non se reúne desde antes das primarias

O BNG peléxase contra si mesmo. O principal problema que enfronta a organización nacionalista é o de activar e mobilizar a súa militancia e corpo social, desilusionada como consecuencia dos resultados electorais  das dúas últimas eleccións xerais. Xa que logo os esforzos da dirección da fronte nos últimos meses diríxense a ilusionar outra volta a súa afiliación, algo que conseguiron con éxito sobrado na preparación e particularmente na manifestación do Día da Patria Galega, onde o nacionalismo mostrou  o seu poder de convocatoria. A capacidade de mobilización durante a campaña do corpo social do BNG será o que determine o grao do éxito electoral, se ben ao longo desta longa precampaña a participación e o compromiso da militancia da fronte están superando as expectativas e obxectivos marcados pola dirección do BNG. Asemade, xerou sorpresa o manifesto “Avante Galiza” no que solicitan o apoio para  o Bloque persoas nacionalistas -algunhas das cales, críticas co rumbo do BNG, tiñan abandonado no pasado a organización- na medida que significa a reconciliación con antigos sectores do seu  electorado. Os nomes dalgúns dos asinantes e  promotores do manifesto son ben recoñecidos pola dimensión pública na provincia de Pontevedra, como é caso da profesora da Universidade de Vigo Pilar Allegue, do psiquiatra vigués Cipriano Jiménez Casas, do  avogado do Morrazo Lois Ríos, do antropólogo Marcial Gondar, do filosofo Francisco Sampedro, do escritor Vitor Vaqueiro ou do antigo concelleiro vigués Xabier Toba.

O Partido Popular enfróntanse a unha campaña inédita. Desaloxada do goberno da Deputación, a dereita deberá  concorrer por primeira vez a unha campaña electoral  sen o apoio que a institución provincial lle prestaba a hora de facer política en moitos concellos de Pontevedra. É precisamente, en moitos destes pequenos concellos onde as políticas da Deputación son máis determinantes, onde se forxou algunha das maiorías do PP, se ben os resultados da circunscrición veñen determinados polo apoio electoral nos grandes núcleos urbanos. O proceso de conformación das candidaturas no Partido Popular non foi tan pacífico como desde fórar puidese semellar, sendo moitas as voces que dentro do partido critican a excesiva preponderancia nas listas de responsábeis da Xunta de Galiza, que segundo estas mesmas fontes “ao final non achegan ningún voto, pois o votos non se conseguen nin co despacho nin co coche oficial”. Agora ben as leas no PP resólvense sen ruído mediático, e dado o convencemento existente nesta organización dun novo  goberno de Feixoo, son varias as voces críticas que agardan ser recolocadas, ben no Parlamento, ao pasar a ocupar cargos na Xunta algúns dos candidatos,  ben na propia administración autonómica. Aínda así, esta por ver se o escenario para o PP é tan feliz como indican as propias  enquisas internas.


 

Comentarios