O DEBATE DA UNIDADE

Beiras valora que se están dando pasos na boa dirección para unha única lista

Anova traballa para que nas xerais concorra "unha única candidatura" no espazo do nacionalismo e a esquerda rupturista. Beiras valora que se están a dar pasos na boa dirección para lograr esa lista.

Pablo Iglesias e Xosé Manuel Beiras
photo_camera Iglesias e Beiras mantiveron un recente contacto telefónico

Nunha entrevista este domingo na Radio Galega, o veterano líder de Anova colocou implicitamente a súa formación política na equidistancia entre o BNG e Podemos e como a única organización que está na onda correcta para materializar a converxencia entre o nacionalismo e a esquerda rupturista. Beiras, nun discurso de ton paternalista, considerou que BNG e Podemos foron "dando pasos", mais non os suficientes. Ao Bloque impútalle "interferencias" que non concretizou nas mareas-, en tanto que en Podemos continúa aprezando unha "visión centralizada" que o levaría a procurar un parceiro na Galiza concebido como unha "sucursal".

En todo caso, a súa análise é que, embora os atrancos, BNG e Podemos estarían evoluíndo na boa dirección. Beiras revelou que recentemente mantivo unha conversa telefónica con Pablo Iglesias. Apenas detallou os pormenores da conversa. Só que nela Pablo Iglesias lle pediu que fose candidato nas xerais. Non dixo se o líder do partido morado mostrou flexibilidade sobre as súas posicións previas, nomeadamente no que ten a ver co uso da marca de Podemos nas papeletas.

Beiras revelou que recentemente mantivo unha conversa telefónica con Pablo Iglesias. Apenas detallou os pormenores da conversa

Beiras, porén, deixou entrever que os resultados das eleicións catalás poderían producir unha mudanza na posición de Podemos (orientada a tolerar que nas nacións sen Estado a súa marca non aparecese nas xerais).

A respeito da súa disposición a ir nunha candidatura, Beiras mostrou un duplo discurso. Primeiro, o xa coñecido relato de que está no epílogo da súa longa traxectoria política e que nesa tesitura non contempla concorrer a ningún proceso eleitoral. Mais, nun segundo chanzo, Beiras deixou a porta aberta a reconsiderar a súa retirada da primeira liña e a se candidatar, sempre e cando se den unhas determinadas condicións: "Eu só podo facer iso [ir como candidato] se a alternativa encaixar co meu perfil". Isto é, se a candidatura conxugar nacionalismo e esquerda social, se nela se expresa Galiza como suxeito político.

Comentarios