DEBATE DO ESTADO 2015

O bipartidismo peléxase para disimular a coincidencia no fundamental

A primeira sesión do último debate do Estado da lexislatura deixa un presidente parabenizándose a si propio por, di, lograr superar a crise; e O un líder do PSOE atacando a visión triunfalista de Rajoy mais sen cuestionar o modelo. De Galiza falouse. Fíxoo Rajoy. Unha vez para defender o modelo sanitario da Xunta e outro para dicir que vivira en ''Carballino, Orense''.

congreso español

Primeira sesión do último Debate do Estado desta lexislatura con rostros novos (Pedro Sánchez no PSOE e Alberto Garzón en IU) e vellos debates. Mariano Rajoy e Pedro Sánches enlearon nun encendido debate no que houbo máis reproches mutuos que propostas ou ideas. Mariano Rajoy asegurou que a crise é pasado e que se puido saír dela sen ter que recorrer a un rescate. Pintou un Estrado español no que “medra o consumo e investimento”,e mesmo prometeu crear emprego (tres millóns) e adoptar medidas para “aliviar a clase media”, citando entre outras unha lei de segunda oportunidade para favorecer o pagamento de débedas das familias. Sobre a corrupción -120 segundos de intervención para un dos temas que nas enquisas aparece como os que máis preocupan a cidadanía- limitouse a dicir que se están aprobando leis.

Mariano Rajoy tivo tempo desta volta de citar a Galiza. Fíxoo para poñer de exemplo a xestión da Xunta en Sanidade -”destina o 40% do orzamento a sanidade”, dixo- fronte á doutros territorios. Non falou Rajoy dos recortes en persoal, privatizacións ou listas de agarda que hai no sistema sanitario público galego. Volveuno facer máis adiante -na réplica a IU- para dicir que nacera en Compostela e vivira en “Carballino, Orense”.

Pedro Sánchez optou por un discurso baseado en negar os datos e afirmacións de Mariano Rajoy sobre saída da crise. “En economía vai ben o que non depende de vostede e mal o que depende do seu goberno”, dixo, á vez que insistía en que si que houbo rescate “e foi para salvar o soldado Rato”. O portavoz dos socialistas mencionou a corrupción e Bárcenas e acusou o presidente de non coñecer nin ser sensíbel aos problemas do día a día das persoas. Mais aí ficou. Non houbo propostas ou ideas doutros camiños ou modelos, alén de optar de se situar nun punto medio entre o PP e os que “queren rachar a Constitución”. Na súa quenda de réplica, un Rajoy por momentos anoxado, cualificou como “patético” o socialista e afirmou que “vostede non dá nin de lonxe a talla para ser presidente”.

CIU: Medidas políticas para un problema político

Durán i Lleida tivo dous planos na súa intervención. No primeiro centrouse na situación económica e social, criticando con dureza medidas do goberno como as que adoptou coa lei da dependencia e avogando por recuperar “unha economía social do mercado”.

O portavoz de CiU en Madrid emprazou o presidente a procurar solucións políticas para “un problema que é o problema español, non o problema catalán” ao tempo que lle solicitou o arquivo da querela contra Artur Mas polo 9N . Durán i Lleida dixo que na rúa catalá hai “unha gran maioría que non quere o statu quo actual, e hai tamén unha parte, eu non, que quere a independencia”. Por iso, insistiu, o goberno español debía dar pasos. Se non, advertiu, “podemos atoparnos un día con que Catalunya declare unilateralmente a independencia”.

IU: “A súa política, un éxito para grandes fortunas e empresas”

Era tamén esta sesión o bautismo de fogo de Alberto Garzón como portavoz de Izquierda Unida.”A súa política, un éxito para as grandes fortunas e empresas”, espetoulle no inicio da intervención, acusando o presidente de “non vivir na realidade”. Defendeu que hai outras alternativas ás políticas de austericidio e que Grecia é un exemplo diso, á vez que atacaba a Rajoy por se situar do lado da Troika fronte os intereses e necesidades dos pobos. Garzón falou do ‘bipartidismo’, situando o PSOE como un aliado do PP e viceversa en non poucas cuestións. Fronte ese bipartidismo situou os movementos e proxectos que procuran un cambio do modelo xurdido da Transición.

J. Coscubiela (Compromís) foi chamado á orde pola presidencia do Congreso por cualificar a Mariano Rajoy de “capo da familia” mentres falaba da corrupción do PP durante a súa quenda. O valenciá centrou a súa intervención en criticar con dureza as políticas anti-sociais do goberno e o seu impacto nos máis desfavorecidos. Tamén cargou contra a falla de vontade do goberno para dar unha solución política ás demandas nacionais dos e das catalás.

Esta cuarta feira: quenda para Galiza.

O debate prosegue esta cuarta feira, reiniciándose ás 9:00 da mañá. Comezará o PNV para despois ir tomando a palabra os representantes do grupo mixto, entre elas Olaia Fernández Davila (BNG). Na valoración da intervención de Mariano Rajoy, a deputada do BNG dixo que fora “un insulto á cidadanía” e que foi “un discurso de campaña eleitoral no que só lle faltou peder o voto ao final”.


 

Comentarios