O Bloque aproba 106 listas municipais "para liderar gobernos alternativos"

O Consello Nacional da formación nacionalista respalda as principais candidaturas de BNG-Asembleas Abertas, que Xavier Vence cualifica de imprescindíbeis para “dar a batalla ante o PP e vencer a corrupción en todas as cidades e concellos que sexa posible”. “É a oportunidade para que a cidadanía rebelde deste país pase unha páxina negra”, engade.

VENCE ROLDA DE PRENSA1
photo_camera Vence.

O Consello Nacional do Bloque aprobou as 106 primeiras candidaturas que BNG-Asembleas Abertas confirmou para as eleccións municipais do 24 de maio, onde a formación nacionalista conta con presentarse en moitos concellos máis, a pesar das dificultades para que poida facelo nalgúns dos máis pequenos dos 314 concellos de Galiza “por culpa da desertización demográfica do país”, segundo afirmou o líder da organización, Xavier Vence.

Vence resaltou que o BNG preséntase aos comicios “coa experiencia contrastada de goberno municipal capaz de promover o desenvolvemento empresarial e comercial de proximidade, capaz de xerar actividade e crear emprego, e de ofrecer un modelo de vilas e cidades nos que a veciñanza gaña calidade de vida”, poñendo sobre a mesa exemplos como Pontevedra (“onde aspiramos á maioría absoluta”, dixo), Carballo, Monforte, Ribadeo, Tomiño ou Allariz.

O BNG aspira á maioría absoluta en Pontevedra e acusa ao PP de "esnaquizar o país"

“Estas listas forman unha alternativa clara para dar a batalla ante o PP e liderar gobernos alternativos en todas as cidades e concellos que sexa posible”, declarou o voceiro nacional do Bloque, que pensa que “é o momento para limpar o panorama político e inferir a primeira derrota en toda regra a un PP que está esnaquizando o país, a nosa economía e as conquistas históricas nos servizos públicos como sanidade ou educación. É a oportunidade para que a cidadanía rebelde deste país pase a páxina negra do PP ao fronte dos concellos”.

Vence tamén destacou as candidaturas nacionalistas como fundamentais “para vencer ese cancro da corrupción que asolaga unha grande parte dos concellos gobernados polo PP, todo o contrario do exemplo de transparencia e honestidade dos gobernos do BNG”, cuxo programa marco afonda na “participación da cidadanía na vida municipal”.

Comentarios