BNG defende outro modelo de financiamento desde Pontevedra

A portavoz nacional, Ana Pontón, e o rexedor da cidade do Lérez, Miguel Anxo Fernández Lores, tildaron o actual de “discriminatorio”  e aseguran que fai perder á localidade  3,4 millóns de euros.

Pontevedra
photo_camera [Imaxe BNG]

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, visitou esta terza feira o Concello de Pontevedra onde mantivo un encontro co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. Durante a xornada aproveitaron para reclamar un novo modelo de financiamento que supere o actual por "discriminatorio", sinalaron. 

Neste senso, empregaron como exemplo o caso da localidade de Pontevedra que, segundo defenderon, de acordo co criterio actual perde "3,4 millóns de euros". 

Ana Pontón: "Non entendemos como se explica que un veciño ou veciña reciba 50 euros menos polo mero feito de vivir aquí" 

Galiza ten o 6,24% da poboación, pero os concellos galegos reciben 5,05% dos fondos do estado. Esta "discriminación" no financiamento “é dupla, denunciou Ana Pontón, pois supón recibir menos recursos que a media nun territorio onde a prestación de servizos é máis custosa por causas como a dispersión xeográfica e o envellecemento da poboación.

"Non entendemos como se explica que un veciño ou veciña reciba 50 euros menos polo mero feito de vivir aquí", afirmou a voceira do Bloque quen se preguntou por que non preocupa a Feijóo e aos gobernos das demais cidades este feito. “É unha cuestión suficientemente importante para que preocupara e ocupara a quen goberna, tanto ao señor Feijóo como aos máximos responsables políticos das cidades galegas”, dixo. 

“Para o Bloque é un orgullo este concello, modelo de capacidade de transformación", dixo a respeito de Pontevedra a voceira do BNG

Así, avanzou que a organización frontista iniciará unha "ofensiva" institucional co obxectivo de conseguir un novo modelo de financiamento local para o que desenvolverán iniciativas na Fegamp, no Parlamento galego mais que serán precisas levar tamén ás Cortes españolas. "Para superar este marco discriminatorio non chega cun acordo na Cámara galega senón que se dea tamén a nivel estatal", explicou. 

Na súa visita, Pontón aproveitou para pór en valor o 'modelo Pontevedra'. “Para o Bloque é un orgullo este concello, modelo de capacidade de transformación, de capacidade para poñer as institucións ao servizo do pobo e de defensa inquebrantable duns principios políticos”, salientou. “Unha referencia para nós e temos moito que recoller desta experiencia municipal, peza clave á hora de explicar o que ten aportado o nacionalismo a este país, para min como portavoz nacional do BNG é un orgullo que a transformación desta cidade se fixara desde un proxecto de país”.

Comentarios