Ana Miranda, portavoz do BNG en Bruxelas

"Mentres a ministra é ascendida, nós non imos tirar a toalla"

BNG denuncia en Bruxelas o Estado español. 

Ana Miranda Bruxelas
photo_camera Ana Miranda perante a Comisión Europea [Imaxe BNG]

A portavoz do Bloque en Bruxelas, Ana Miranda, denunciou esta terza feira (19 de xullo) perante a Secretaría Xeral da Comisión europea o Estado español. Como xa anunciara a pasada semana, a organización frontista adoptou esta decisión após coñecerse as conclusións do informe elaborado pola Axencia de seguridade ferroviaria europea nas que se sinala a falta de independencia da CIAF durante a investigación do accidente de Angrois. 

No concreto, a denuncia reclama que a Comisión investigue a actuación do executivo español a respeito dos artigos 19.4, 21.1, 21.2 e 22.3 da Directiva 20004/49 do Parlamento e do Consello europeos sobre seguridade ferroviaria. Así, instan a investigar o grao de cumprimento das obrigas comunitarias no período 2007-2014. 

Mentres Miranda formalizaba a denuncia do BNG, o Congreso español votaba como presidenta da Cámara a Ana Pastor, ex-ministra de Fomento. Unha decisión criticada duramente pola asociación de vítimas do Alvia que o consideran unha "ofensa" contra elas. Neste senso, a portavoz do Bloque en Bruxelas asegurou que "mentres a ministra é ascendida" a organización nacionalista "non imos tirar a toalla nin imos quedar parados", subliñou. 

Solicitou a convocatoria da Deputación Permanente no Parlamento de Galiza co obxectivo de que sexa convocado un pleno extraordinario

Para alén da denuncia, a organización frontista tamén solicitou a convocatoria da Deputación Permanente no Parlamento de Galiza co obxectivo de que sexa convocado un pleno extraordinario arredor do accidente de Angrois. 

O informe da UE pon de manifesto que a investigación do CIAF estaba viciada, que nin foi independente, nin se escoitou ás vítimas, “aberta esa porta, o BNG pide en Bruxelas que un procedemento de infracción contra o Estado español, que facilite tamén a creación dunha comisión de investigación independente e real que deite luz e xustiza e, sobre todo, que evite que se volvan cometer os mesmos erros e se adopten todas as medidas necesarias para que un accidente así non volva suceder nunca máis”, asegurou Ana Pontón, portavoz nacional do BNG. 

Desde o Bloque tildan o nomeamento de Ana Pastor como presidenta do Congreso de "falta de respecto ás vítimas". “Pensamos que por respecto á memoria das vítimas, por respecto á a verdade e á democracia, a responsable dunha gran mentira de Estado non debería ser premiada, debería ser cesada”, salientou Pontón. 

Comentarios