O BNG esixirá no Parlamento a titularidade civil do Panteón de Galegos Ilustres

O grupo nacionalista presentará unha iniciativa na que cualifica de “insólito” que sexa o Arzobispado quen tutele os restos que alí repousan e “poida decidir que actos se celebran nese espazo e cales non”.

castelao-crop
photo_camera Castelao.

O BNG elevará ao Parlamento de Galiza unha iniciativa na que solicita á Xunta “adoptar as medidas necesarias para garantir a titularidade e uso civil do Pateón de Galegos Ilustres ubicado en Santo Domingo de Bonaval”, por terse convertido nun espazo “no que lembrar digna e colectivamente a aquelas persoas máis relevantes na historia do pobo galego”.

O Bloque fai coincidir esta proposta coa conmemoración do nacemento de Rosalía de Castro o 24 de febreiro de 1837, “por ter sido precisamente esta figura da literatura galega e universal a primeira personalidade cuxos restos foron trasladados ao que hoxe é este panteón de referencia”. Porén, a consideración de espazo de uso civil e laico para honrar as personalidades do país que tiña ata fai un ano mudou tras a “insólita” sentenza que lle outorga a titularidade do Panteón ao Arzobispado de Santiago de Compostela que, a xuízo do BNG, “en ningún caso pode abranguer a tutela dos restos que alí repousan”.

Así, o Bloque critica que o Arcebispado “teña a capacidade par decidir que actos se poden celebrar e cales non”, de aí que demande que o Pateón “sexa un espazo laico, de uso civil, con garantías de acceso e de facer homenaxes sen censura ás personalidades que alberga”.

Comentarios