BNG e cerqueiros exixen á Xunta que defenda a frota galega ante as decisións do Ministerio

Representantes do sector do cerco reuníronse co portavoz nacional do BNG para valorar o pre-acordo de cotas para xarda e xurelo proposto polo Ministerio e que prexudica gravemente a frota galega. Os nacionalistas demandan da Consellería do Mar que se reúna co sector e defenda os seus intereses e necesidades ante o executivo central.

cerco
photo_camera cerco

Vai para dous meses de paro da frota do cerco de Galiza: 154 barcos, 1.500 mariñeiros e 5.000 empregos indirectos. Un amarre nos portos en protesta por unha proposta do Ministerio de reparto de cotas para xarda e xurelo que prexudica gravemente á frota galega. “De se aplicar tal e como está, dun só plumazo vai acabar coa metade da nosa frota”. Andrés García, patrón maior de Sada e representante da Asemblea de cerqueiros foi un dos voceiros do sector que esta segunda feira se reuniu co BNG.

"En Cantabria, sector e goberno reuníronse para alcanzar un acordo e defendelo ante Madrid. Aquí a conselleira segue sen querer reunirse co noso sector"

Para a fronte nacionalista, non pode ter xustificación que un goberno renuncie ás súas responsabilidades como está a facer o galego cun dos seus sectores produtivos máis importantes, como é o do mar. O portavoz nacional Xavier Vence lembra que a proposta do Ministerio é mpara dez anos e supón xa no primeiro, este 2014, un recorte para Galiza do 25% nos cupos”.

Vence salientou que mentres outras comunidades están a defender os seus intereses no reparto de cotas ante o goberno central, a Xunta “limítase a aceptar o que se dí en Madrid. É unha mostra do nulo peso de Feijóo para defender os intereses galegos”. Un comportamento agravado polo feito de que a conselleira aínda non se reuniu co sector do cerco, malia as reiteradas peticións deste para manter unha xuntanza.

O patrón maior de Sada: "De se aplicar o acordo tal e como está, dun plumazo perdemos metade da frota"

O portavoz nacional defendeu a proposta do sector galego: que o reparto das cotas de xarda e xurelo se faga en base ao número de barcos e mariñeiros e non por partillas históricas.

“Que nos defenda e ampare!”

O deputado do BNG Daniel Rodas lembrou que en Cantabria sector e goberno autonómico reuníronse, acordando unha postura conxunta e consensuada que é a que defenden ante o executivo central. En Galiza, apuntou, a conselleira segue sen querer reunirse coa frota.

Rodas puxo un exemplo do impacto da proposta do Ministerio: Malpica, con 14 barcos de cerco, ten asignados 92.000 kilogramos de xarda. Getaria (en Euskal Herria), con 16 buques, máis dun millón de kilos.

Para Andrés García, representante dos cerqueiros, a Xunta “ten que ampararnos, defendernos” ante o que cualificou de “inxusta decisión” de Madrid. Lembrou que van cumprir dous meses de paro “e estamos contra as cordas”.

Contra o pacto de silencio pola corrupción

A preguntas dos xornalistas, o portavoz nacional do BNG afirmou que os últimos casos de corrupción mostran que está é “sistémica e sistemática” dos dous grandes partidos do bipartidismo, “principalmente do PP”; e apuntou a que a cidadanía pode e debe “limpar todo isto”.

Tamén a preguntas dos xornalistas, desta volta sobre a coligación con EH Bildu para as eleccións europeas, Vence lembrou que é unha proposta do Consello Nacional que debe ser debatida e ratificada pola militancias nas asembleas.

Comentarios