REUNIóN INTERPARLAMENTARIA

O BNG fai da loita por Galiza e a ‘maioría social’ o eixo da súa ‘fronte institucional’ neste 2015

Representantes do Bloque no Parlamento, Congreso e Bruxelas coordinan unha folla de ruta para este ano baseado na “defensa dos sectores produtivos, servizos públicos e da cidadanía máis agredida”.

BNG Interpalamentar 2

A defensa dos sectores produtivos de Galiza, dos servizos públicos e da maioría social de Galiza como eixos da estratexia coordinada que o BNG vai priorizar nas Cámaras onde ten representación. Ese é o acordo atinxido na xuntanza desta segunda feira polos representantes do BNG no Parlamento galega, Congreso e Bruxelas.

“Nun contexto neoliberal con políticas moi agresivas, coa recentralización e coa Xunta aceptando un papel secundario das suas funcións, a representación do BNG está sendo crucial para visibilizar os problemas e as reivindicacións do país en Madrid, Bruxelas e en Galiza”, manifestou o portavoz nacional, Xavier Vence, “a garantía de que cando está nas institucións os intereses do páis están ben representados”.

Unha idea na que insistiu o portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, quen subliñou o labor de oposición “contundente pero con propostas e alternativas” que desenvolve o Bloque. Contrapuxo “este estilo de traballo” na defensa do país nas institucións coa “ausencia” de Feijóo, de visita en Bruxelas para “tapar a súa inacción” en asuntos clave como a viabilidade do sector do xeito, e obrigado a dar explicacións sobre o cuestionable uso dos fondos europeos.

A portavoz no Congreso, Olaia Fernández Davila, quixo destacar a capacidade do Bloque para suavizar o impacto da política de recortes do PP. “Tiveron que medirse” á hora de sacar adiante algunhas das propostas máis agresivas con dereitos da cidadanía, e puxo como exemplo o decreto lei que consagraba “a desfeita total” da sanidade pública e avanzou que as iniciativas no Congreso incidiran en defender que Galiza poda “ter capacidade sobre os seus propios recursos” como no caso enerxético.

No ámbito da UE, a portavoz do Bloque na Eurocámara, Ana Miranda, ironizou sobre a perspectiva dun Feijóo de visita en Bruxelas “a facerse a foto e a explicar por que perdemos 2.500 millóns de euros de fondos europeos” e xa avanzou que defenderá que o Fondo de Iniciativa Xuvenil aporte recursos a Galiza para frear “a sangría da emigración”.

Comentarios