BNG fala de "comportamento neofranquista" do Estado e En Marea de "afán totalitario" do goberno Rajoy

BNG -a meio dun comunicado da súa executiva- e En Marea -a meio dun comunicado de imprensa- fixaron posición esta quinta feira após o ingreso en prisión do vicepresident Junqueras e de 7 dos seus conselleiros.

@Oinsua
photo_camera Imaxe da marcha de Galiza con Catalunya decorrida en Compostela o pasado 11 de setembro

A Executiva Nacional do BNG asinou esta quinta feira un comunicado con cinco pontos en que avalía a decisión da xuíza Lamela da Audiencia Nacional. Para a formación soberanista, a orde de prisión ditada contra os membros do Govern "resulta dunha gravidade extrema e marca un auténtico ponto de inflexión na deriva represiva e autoritaria do Estado español".

O que vén revelar a interlocutoría [acto xurídico previo a unha sentenza] da xuíz é que no Estado español non existe a "división de poderes". "Sen independencia xudicial non hai democracia merecente de tal nome", alega o órgao de dirección do BNG.

A xuíza Lamela estaría a seguir os pasos que lle marca o fiscal xeral do Estado, cargo nomeado polo Executivo. O auto de prisión, entende o Bloque, "abre a crise democrática máis grave dos últimos 40 anos e instala o Estado español nun comportamento neofranquista".

A actuación represiva contra o pobo catalán protagonízaa un conglomerado de poderes, di o BNG, e cita entre eles a monarquía, o IBEX 35, os meios do IBEX 35, o Goberno do Partido Popular e os "partidos sistémicos", con especial alusión a "o apoio expreso do PSOE en todo este proceso".

A represión, aliás, non vai resolver o problema de fondo, que é de natureza política. Nen encarcerando o Govern nen todos os parlamentares que votaron a DUI nen todos os alcaldes que a promoveron, alega o BNG. "O problema de fondo é político: o recoñecimento pleno dos direitos nacionais de Galiza, Euskadi e Catalunya por parte do Estado español, a comezar polo direito de autodeterminación, xa recoñecido internacionalmente pola ONU". "Ou se dá ese recoñecimento e se articulan formas de que a vontade popular deses pobos poida expresarse de forma libre, democrática econ garantías plenas -como en Escocia co Reino Unido ou en Quebec co Canadá- ou a vía represiva española non só non rematará co conflito, seón que o agravará".

O BNG conclúe o seu comunicado a enviar un "abrazo fraternal e solidario ás familias, forzas políticas e entidades cívicas soberanistas de Catalunya, das que nos sentimos próximas e irmás na defensa da democracia, a liberdade, os direitos sociais e o direito a decidir dos pobos".

Por súa parte, En Marea pide a posta en liberdade imediata dos cargos do Govern e dos presidentes de ANC e Òmnium Cultural e considera un "novo atentado á democracia" o auto de prisión de Junqueras e os consellers. "Unha democracia madura debe dar solucións políticas aos problemas políticos, non insistir en xudicializalos", afirma.

"O feito de mandar a prisión estes cargos públicos non fai máis que enquistar o conflito que se está a dar en Catalunya", acrecenta a confluencia, para quen "do mesmo xeito que a aplicación do 155 non contribuíu en absoluto a mellorar o tensionamento, ditas detencións van no mesmo camiño de agravar a fenda".

Acha "inaudito" En Marea que "un estado europeu moderno, en pleno século XXI, teña presos políticos pola defensa do direito a decidir". Alega aínda a confluencia que "é de extraordinaria gravidade que a Fiscalía Xeral do Estado solicite o encarceramento dun goberno elixido democraticamente polo conxunto da cidadanía". "A represión non solventa os problemas políticos, só os agrava", conclúe.