BARóMETRO DE 'EL DIARIO'

O BNG mantería a representación no Congreso e PP recupera con Ciudadanos opcións de volver gobernar

O inquérito vaticina entre 1 e 2 escanos para o nacionalismo galego. PP sería a forza máis votada, seguida dos socialistas, e Podemos, terceiros, obtería entre 31 e 36 escanos. O soberanismo catalán lograría máis de 20 representantes e o vasco, 14.

Congreso español

O barómetro de 'El Diario' correspondente ao mes de setembro vaticina que o BNG mantería a representación no Congreso español de se realizar agora eleccións xerais. O inquérito do medio dixital español concede ao nacionalismo galego entre 1 e 2 deputados. Na actualidade o BNG posúe 2 parlamentarias na Cámara Baixa. A sondaxe de 'El Diario' volve situar o PP con posibilidades de gobernar, a través dun pacto con Ciudadanos. A suma de ambas as dúas formacións superaría a de PSOE/Podemos.

O Partido Popular, en base a esta traballo, obtería entre 134 e 137 deputados e un 32% dos votos. Hai catro anos obtivera o 45,2% dos sufraxios e 186 escanos. O PSOE sería segunda forza, cun 27,2% (en 2011 lograra un 29%) e de 116 a 120 representantes. Tivera hai 4 anos 110 deputados.

Podemos sería terceira forza nunhas xerais, cun 12% dos votos e de 31 a 36 parlamentares. Ciudadanos obtería 17 a 19 e un 10% dos apoios nas urnas. Izquierda Unida pasaría dos 11 escanos que ten agora a entre 2 e 4 e non chegaría ao 5% dos votos. UPYD, que ten agora 5 escanos, ficaría sen representación.

Soberanismo

Na Cámara española que saia das xerais vai haber unha nutrida representación de organizacións nacionalistas e soberanistas. O inquérito de 'El Diario' concede entre 10 e 11 deputados a Convergència (CDC) e entre 8 e 9 a ERC -que en 2011 logrou 3 escanos-. A CUP obtería 1 ou 2 representantes, entrando na Cámara española, na que até agora non tivo representación. Compromís experimentaría unha importante suba, ao pasar de 1 a 3 ou 5.

Euskal Herria tamén tería unha importante representación. O PNV obtería de 5 a 7 deputados (agora ten 5), Amaiur, de 5 a 6 (no actual Congreso a esquerda abertzale posúe 7) e Geroa Bai mantería o que ten.
 

Comentarios