BNG propón criar unha rede de embaixadas comerciais para a internacionalización das empresas galegas

O Consello Nacional do Bloque aprobará este sábado o programa eleitoral da formación soberanista galega. Entre as propostas, unha xa foi avanzada esta sexta feira por Ana Pontón: a criación dunha rede de embaixadas comerciais do país para "a internacionalización das empresas galegas".

Ana Pontón
photo_camera Ana Pontón, Lores e Bará, durante a visita á distribuidora de libros Arnoia, en Pontecaldelas

Pontón -que atendeu aos meios durante a visita que realizou en Pontecaldelas á distribuidora de libros Arnoia- argumenta que as empresas galegas que resistiron mellor os embates da crise foron aquelas que "apostaron na súa internacionalización", daí que o BNG considere estratéxico o envolvimento da Xunta da Galiza no impulso da actividade das compañías do país no exterior.

O BNG xulga que para servir a este propósito é "fundamental ter as competencias que neste momento detenta o Estado en materia de comercio exterior", sen as cais non se pode deseñar con xeito "unha estratexia galega [de internacionalización das empresas] que responda ás necesidades que hai neste momento no país", razoou a candidata nacionalista galega á presidencia da Xunta.

"É evidente que non é o mesmo a estratexia comercial que pode ter un viño de Rioxa do que a estratexia comercial que poida ter un viño albariño das Rías Baixas ou un viño do Ribeiro", declarou a portavoz nacional do BNG, que durante a visita á distribuidora de libros Arnoia estivo acompañada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o número 1 da candidatura nacionalista por esta circunscrición, Luís Bará.

BNG demanda a transferencia das competencias en materia de comercio exterior

No deseño dunha política de internacionalización das empresas galegas para o BNG é unha "prioridade" reforzar os "vínculos que temos coa lusofonía", onde, argumentou Pontón, "temos a oportunidade de abrir novos mercados através da lingua". Aliás, un goberno nacionalista na Galiza tamén pularía por "estar noutros mercados moi importantes, como poden ser China ou como pode ser o Xapón, onde xa temos unha certa introdución, mais pensamos que absolutamente insuficiente".

Rachar o "modelo da dependencia"

A candidata do BNG á presidencia da Xunta apresentou a opción nacionalista nestas eleccións como a "candidatura que confía no país". "Sabemos que Galiza pode saír adiante se temos ferramentas para deseñar estratexias propias con vistas a desenvolver as nosas potencialidades", dixo, e enfatizou: "Sen tutelas e sen subordinación ao país vaille ir moito mellor".

A saída do "pozo" na que "estamos metidos" como país pasaría, en opinión da líder do BNG, por deixar atrás as políticas do PP, mais tamén por rachar co "modelo de dependencia", un modelo en que, dixo, "nós non temos nada a dicer cando nos están arrasando o país". "Queremos auto-responsabilizarnos do futuro", concluíu.

Comentarios