Medidas programáticas para o #24M

O BNG propón o rescate dos servizos privatizados, un negocio de 3.000 millóns de euros

O portavoz nacional considera que este ‘’modelo fracasado’’ é ‘’caldo de cultivo’’ para a corrupción.

Xavier Vence
photo_camera Xavier Vence

BNG-Asembleas Abertas presentou esta segunda feira a súa proposta por un rescate progresico e xeralizado dos servizos públicos privatizados nestas dúas décadas, unha das medidas marco do seu programa para a cita das eleccións municipais do 24 de maio. O portavoz nacionalista, Xavier Vence, denunciou que eses procesos de privatizacións deixaron en mans dos lobbies madrileños (“FCC, Ferrovial, Sacyr, Viaqua...”) xestións por valor de 3.000 millóns de euros, un 6% do PIB de Galiza. Da auga ao lixo, o saneamento, parques e xardíns, servizos sociais... a privatización atinxe múltiples eidos, apuntam e é terreo abonado para “mordidas, tráfico de influencias, branqueo de capitais, fraude fiscal, financiamento ilegal do PP”.

“BNG-AA propón que eses 3.000 millóns de euros deixen de ser pasto do negocio dos grandes lobbies que están colonizando os nosos recursos públicos, os impostos que pagamos aos nosos concellos os galegos e as galegas, e rachar con ese cordón umbilical que une ao capitalismo madrileño improdutivo e parasitario que fomenta a corrupción por todo o país, amigo do PP ao que financian xenerosamente”, denunciou Xavier Vence.

Axenda de rescate

O BNG-AA presenta, para reverter esa situación, unha proposta que contempla catro fases. A primeira, impulsar unha axenda de rescate progresivo dos servizos públicos privatizados, sabendo que non é algo a facer “dun día para outro”, e dando prioridade neste rescate aos que teñen un maior contido social.

Neste sentido, o Bloque tamén propón modificar a normativa aprobada polo PP nos últimos anos que dificulta este rescate Como terceira medida, e mentres as concesións sigan en vigor, implantar sistemas efectivos de control e de inspección dos servizos privatizados. E, por último, elaborar unha estratexia para rachar coa posición de dominio que teñen as grandes contratistas madrileñas para que os recursos públicos dos concellos “deben ter como fin servir con calidade á cidadanía, non enriquecer a conta de resultados destes lobbies”, insta Vence.

Comentarios