As asembleas abertas do BNG ratifican promover unha candidatura galega de unidade para as xerais

Aprobaron co 87% de votos a favor a proposta do Consello Nacional, que só contou cun 3,6% de voto en contra e un 9,3% de abstencións.

Asemblea aberta do BNG
photo_camera Unha asemblea aberta do BNG

A proposta do Consello Nacional do BNG de concorrer ás eleccións xerais nunha candidatura galega de unidade con personalidade xurídica propia foi amplamente apoiada polas bases da formación frontista. Durantes este último mes decorreron asembleas abertas nas comarcas do país, xuntanzas onde militancia e simpatizantes debateron, analizaron e opinaron sobre este asunto. Nun proceso de participación aberto ao conxunto da cidadanía, as asembleas abertas aprobaron co 87% de votos a favor a proposta do Consello Nacional. Un 3,6% de voto foi en contra e un 9,3% de abstencións

"Con este aval expresado nas asembleas abertas, a dirección do BNG mantén o obxectivo de promover un amplo proceso social que culmine coa conformación dunha gran candidatura galega de unidade", explican nun comunicado. "Sen exclusións, o BNG aposta en sumar con todas as forzas políticas, colectivos sociais e, sobre todo, con toda a cidadanía que comparta o obxectivo de dotar Galiza de voz soberana no Congreso, a través dun grupo parlamentario propio sen supeditación algunha a ningún outro grupo o estrutura estatal, conformando esa candidatura galega de unidade con personalidade xurídica".

Comentarios