O BNG sitúa como prioridade dos concellos "poñer por diante as persoas e o pobo galego"

A formación nacionalista organizou obradoiros de comunicación por todo o territorio para candidat@s, que transmitirán ideas forza como a defensa do patrimonio e a lingua ou a loita contra a emigración xuvenil. 

bng-cropII
photo_camera Acto do BNG.

O BNG prepara os seus candidatos ás alcaldías galegas co obxectivo de "cambiar as prioridades" desde os propios concellos, que deben ser, a xuízo de Goretti Sanmartín, responsábel de Política Municipal, as "persoas" e o "pobo galego". Para iso, realizou este sábado obradoiros de comunicación en moitas comarcas galegas, dirixidos ás persoas que integran as candidaturas, ben como a outras que "teñen que transmitir a mensaxe" do Bloque. O obxectivo é ver cales son as "ideas forza" e "avaliar" o que o BNG fixo até o momento. Nesa liña, tamén situou no centro de prioridades "evitar que a mocidade emigre", ben como a lingua, a cultura e o patrimonio propio de Galiza. 

Así mesmo, Sanmartín tamén se referiu ás candidaturas que a formación nacionalista ten "fechadas", que alcanzan as 240 na actualidade. Con todo, non todas foron aprobadas, sendo que teñen que pasar polo Consello Nacional do 11 de abril. Desde a formación contan con superar esa cifra. A continuación, insistiu en que o BNG intentará conseguir que haxa candidaturas en "todo" o conxunto de Galiza", aínda que admitiu que, nalgúns concellos, "non vai ser posíbel".

Comentarios