A candidata de Cs anuncia que Rivera protagonizará sete actos da campaña do partido laranxa

Cristina Losada é a candidata formal de Cs nas eleccións galegas, mais o grande activo da campaña será o seu líder estatal, o catalán Albert Rivera. Losada anunciou que Rivera estará en “sete actos” e que, aínda que tamén se prodigará en Euskadi, virá a Galiza a fechar a campaña.

Cs pode ser decisivo para a dereita españolista reter a maioría absoluta no Hórreo e iso explica por que o seu líder, Albert Rivera, realizará até sete actos da campaña do partido no noso país. Na Galiza Ciudadanos apenas ten estrutura territorial e militancia e a súa candidata, a xornalista Cristina Losada, até agora era unha perfeita descoñecida para a inmensa maioría da populación galega.

Ciudadanos é realmente a grande incógnita destas eleccións. No test de xuño das xerais perderon o seu deputado no Congreso -obtido en decembro- e a súa tendencia é á baixa. Nos inquéritos que manexan as distintas formacións políticas apúntase que neste momento estaría por debaixo do 5 por cento en todo o territorio, con maiores opcións na provincia de Pontevedra, segundo soubo Sermos Galiza.

Cristina Losada compareceu esta sexta feira na flamante sede santiaguesa da formación, na Avenida de Ferrol, para apresentar perante a imprensa o resto de cabezas de lista do partido laranxa. Son Antonio Lara, por Pontevedra; Carlos Vázquez, por Ourense; e Isabel Cendán, por Lugo.

Losada ve dous "bloques" na política galega: "o da esquerda populista/nacionalismo e o constitucionalista"

A candidata á presidencia da Xunta dixo deles: "Os nosos candidatos son exemplos do mellor da sociedade civil, profesionais dos seus respectivos campos que deron un paso adiante para servir e mellorar a vida dos galegos".

O interese dos meios, porén, non estaba tanto en coñecer a identidade dos candidatos de Cs como en interpelar a Losada pola política de alianzas que podería despregar a formación na eventualidade de obter algunha acta no Parlamento. Non deixou lugar a dúbidas. “Na política galega hai dous bloques”, dixo literalmente, “o bloque da esquerda populista e o nacionalismo e o bloque constitucionalista”, unha fraseoloxía importada doutras latitudes políticas.

O obxectivo de Cs, obviamente, é o de ser chave no Parlamento galego. Explicitouno así a súa candidata: “Traballaremos para ser decisivos porque alí onde Cs foi decisivo, chegaron os cambios e as reformas”.

Comentarios