Un cento de apoios simbólicos impulsa o manifesto a prol dunha ‘Marea Galega’

Tecer, en base ao “caudal de esperanza e ilusión” existente, unha candidatura liderada “pola cidadanía” que faga posíbel “o cambio no Estado e en Galiza” é a aposta desta iniciativa, que se abre a adhesións e apoios.

O ‘Encontro cidadán por unha Marea Galega’ vén de facer público o seu manifesto, nado dunha primeira xuntanza física na compostelá carballeira de Santa Susana, avalado por 100 sinaturas iniciais. Mais que é esta iniciativa? Non son “un partido político. Nin unha coalición de partidos. Tampouco unha fronte de partidos. Non aspiramos a ser nada diso”, afirman. Son, sosteñen, “un movemento cidadán de iguais e para iguais”.

No manifesto apuntan a que as eleccións municipais do 24M e as europeas do 2014 amosan que “o cambio é posíbel” en Galiza e no Estado. Mais para iso teñen que se dar dúas condicións: O “empoderamento e liderado da cidadanía” e a “confluencia das organizacións políticas, novas e vellas, en apoio das candidaturas cidadás ou mareas, sen dirixilas nin tutelalas, antepoñendo o ben común aos intereses dos partidos”.

Eleccións

O ‘Encontro’ pon sobre a mesa o reto das 2 eleccións que hai que afrontar en breve, as xerais e as autonómicas de 2016. Citas nas que Galiza “tamén quere encabezar o cambio”. Por iso, expoñen, no noso país “é preciso o concurso de todas as forzas progresistas para acadar a hexemonía social e electoral”. Mais tamén “é necesario evitar a fragmentación para conseguir que o sistema electoral vixente non penalice a forza do cambio político”, partindo de que “ningunha das forzas políticas alternativas está en condicións de protagonizar en solitario o cambio político, nin de liderar por si soa unha alternativa galega de progreso”. Por iso, argumentan as persoas impulsaras deste manifesto, “só a mestura e colaboración entre forzas e xentes nacionalistas e non nacionalistas é capaz de sumar vontades e multiplicar adhesións”.

Unha aposta que resumen na idea de que “as marcas non son importantes. O importante é o cambio”.

Candidaturas

O Manifesto propón impulsar “senllas candidaturas de unidade popular para as eleccións xerais e as autonómicas”. Catro puntos expoñen a este respecto: O primeiro, promover unha candidatura galega de unidade popular “que poida, xunto con outras candidaturas, contribuír á realización dun novo pacto constituínte respectuoso co dereito a decidir da cidadanía e dos pobos que integramos o Estado español”. A candidatura galega de unidade popular “formará, ou de ser o caso apoiará, un grupo parlamentario galego nas Cortes”. O terceiro punto: “os grupos parlamentarios das candidaturas de unidade popular en Madrid e Compostela responderán perante as asembleas e outros organismos delas emanados” e o cuarto, “a elección das candidaturas, quer as provinciais quer a da presidencia á Xunta de Galicia, realizaranse mediante un proceso de eleccións primarias abertas á cidadanía, con censo e inscrición rogada”.

O manifesto chama a deixar de lado as diferenzas “e amosar xenerosidade e intelixencia perante o que é xa unha onda imparable de esperanza, de cambio e de progreso”.

Comentarios