MUNICIPAIS 2015/A CORUÑA

Ciudadanos si estará finalmente o 24M, o que abre o escenario a un pacto con Negreira

A partida de póquer que se xoga na Coruña, coas enquisas a pór presión entre bambalinas, rexistou un xiro imprevisto este domingo: a dirección de Barcelona de Ciudadanos levanta o veto e a formación emerxente competirá na Coruña o 24M.

Albert Rivera
photo_camera Albert Rivera

Todo apunta a que a papeleta de Ciudadanos si estará disponíbel o 24 de maio nos colexios eleitorais da Coruña, e con perspectivas certas de obter representación.

Un recente inquérito da Faculdade de Socioloxía, publicado por Radio Coruña, dá á formación de Albert Rivera dous escanos en María Pita. En principio, serían insuficientes para o centrodireita se facer co goberno municipal, sendo que o PP perde 3 actas (pasaría de 14 a 11) e a reaccionaria Unión Coruñesa de Carlos Marcos non consegue representación.

Por que a dirección de Barcelona dá marcha atrás na súa decisión de non concorrer o 24M? Esa é a grande pergunta. Fontes da equipa de Rivera argumentaban que a marca non se podía presentar a estas municipais por estar controlada na Coruña por persoas moi próximas ao PP, tanto que até suxerían á formación conservadora fichaxes para a súa próxima lista. A marcha atrás sobre esa decisión pode ter a ver coa entrada en escena de cadros provenientes de UPyD que resultarían máis confiábeis a ollos de Albert Rivera, entre eles o que se perfilaría como alcaldábel, Santiago Folla-Cisneros.

Os estrategas eleitorais do PP respiran aliviados. Precisan socios que alcancen no mínimo 3 actas

Folla-Cisneros abandonou recentemente UpyD ao facer parte do sector crítico que demandou a Rosa Díez que asumise as súas responsabilidades polo desastre eleitoral en Andalucía.

Os estrategas eleitorais do PP respiran aliviados. Entenden que teñen un teito nestas eleccións, máis menos o que sinala a enquisa da Faculdade de Socioloxíal. 11 escanos. Insuficientes para gobernar. Precisan socios que alcancen no mínimo 3 actas. Ese sería o papel de Ciudadanos nesta historia.

O inquérito de Socioloxía complétase así: PSOE, 21%, 6 escanos; Marea Atlántica, 20%, 6 escanos; BNG, 7%, 2 escanos.

Comentarios