Unha colaboradora de Libertad Digital, a aposta de Ciudadanos para a Xunta

Cristina Losada naceu en Vigo en 1954 e é xornalista e escritora. 

Cristina Losada_Libertad Digital
photo_camera Cristina Losada [Imaxe Libertad Digital]

Este sábado (6 de agosto) o secretario de Organización de Ciudadanos, Fran Hervías, de visita na Galiza, desvelou o nome da persoa na que aposta a dirección política da formación a nivel estatal como candidata ás eleccións do 25 de setembro. 

Losada preside a Asociación Vigueses por la Libertad, un movemento de defensa da unidade territorial do Estado español

Trátase da escritora e xornalista nada en Vigo, Cristina Losada. O seu nome será o designado pola dirección como cabeza de lista no marco das eleccións primarias que desenvolverán a partir das 22h do domingo, segundo explicou en comparecencia de imprensa o propio Hervías. 

De acordo coa información publicada pola axencia de noticias Europa Press, o proceso de presentación das candidaturas rematará ás 20h da segunda feira (8 de agosto). As votacións terán lugar entre as 22h dese mesmo día e até as 22h da cuarta feira. 

Cristina Losada é colaboradora do xornal Libertad Digital e integra o Consello de Administración de Telemadrid. Aliás, preside a Asociación Vigueses por la Libertad, un movemento de defensa da unidade territorial do Estado español desde 2006. 

Losada sobre o pobo galego

Nun artigo publicado en 2002 en Libertad Digital criticaba a actitude da poboación nas localidades atinxidas pola catástrofe do Prestige. Segundo recorda o xornalista de La Marea, Antonio Maestre, aseguraba --de acordo co que lle contara a súa sobriña-- que "os do pobo" estaban "de brazos cruzados vendo como curraban os señoritos da cidade". 

Cristina Losada di que Galiza mantén unha "actitude basicamente pasiva e ruidosamente queixosa"

Asemade, Cristina Losada sinalaba que o pobo galego estaba marcado polo "fatalismo" un "trazo moi da terra" que "propicia tamén esa resignación pasiva" que ela lle atribúe. 

“El fuel ya acabó con el percebe o la centolla, así que qué más da que cubra las rocas o la playa. El fatalismo, rasgo muy de la tierra, propicia también esa resignación pasiva. Pero hay otro factor que contribuye a ella: el arraigo en Galicia de una ‘cultura de la subvención’, de la que surge una actitud básicamente pasiva y ruidosamente quejosa, que sintetiza el dicho gallego: Quen non chora, non mama, el que no llora, no mama. Y en esas estamos”, dicía na altura. 

Comentarios