A coligación independentista, terceira forza nas eleccións de Sardeña

A suma das opcións nacionalistas sardas duplicou resultados (18%) nestes comicios a respeito de 2009. A candidata da plataforma soberanista 'Sardegna Possibile' atinxiu o 10% dos votos, mais non logrou representación.

sardeña

O parlamento sardo non terá nesta lexislatura apenas representación nacionalista malia o importante apoio atinxido nas eleccións realizadas hai uns días nesta illa sob soberanía italiana. O voto nacionalista, que se presentou dividido, foi do 18%, o que supón case duplicar o obtido nas eleccións de 2009. Mais as particularidades do sistema electoral deixan fóra da Cámara mesmo a unha formación cuxa candidata logrou máis do 10% dos votos.

O nacionalismo sumara menos do 10% do voto nos comicios de 2009. 

A principal forza nacionalista foi a plataforma Sardegna Possibile, cuxa candidata Michela Murgia tivo o 10,1% dos apoios nas urnas. A coligación independentista, o 7%. Murgia incidiu en que a lei electoral “antidemocrática” deixaba fóra da Cámara a unha opción apoiada por máis de 70.000 votantes e facía un chamamento a non caer no desánimo. “O noso camiño comeza agora”, afirmou, animando a traballar por reforzar e ampliar o soberanismo.

O Partito Sardo d'azione (PAS) logrou case o 5% dos votos. O Partido dos Sardos, Rossomori e Independencia tiveron o 2,6%, 2,6 e 0,8% respectivamente dos sufraxios emitidos nestes comicios. E a Fronte Independentista, 0,7%.

O centro-esquerda italiano substitúe ao centro-dereita italiano

O candidato do centro-esquerda italiano, Francesco Pigliaru, vai ser o novo presidente sardo pois a súa candidatura foi a máis votada (42,4%), derrotando así ao centro-dereita italiano do presidente até o de agora Ugo Cappellacci (39%).

Comentarios