Compromiso, PNV e CIU acadan un principio de acordo programático para as europeas

O membro da Executiva nacional de CxG Manuel González dixo que os eixos da Coligación por Europa ''vertebraranse en torno a tres piares: máis democracia, máis benestar e máis autogoberno''.

CEU (1)

O Congreso dos deputados foi o escenario onde esta quinta feira se desenvolveu unha xuntanza multilateral das formacións integrantes de 'Coalición por Europa', entre as que se atopa Compromiso por Galicia. PNV, Coalición Canaria ou as catalás CDC e UDC tamén fan parte desta marca para os comicios europeos do 25 de maio.

Manuel González: "Sendo forzas políticas diferentes, fomos quen de chegar a un principio de acordo, sendo os mellores herdeiros de todo o capital simbólico de Galeusca”

Na reunión analizouse a situación política de Galiza, Euskadi, Cataluña, e Canarias, ademais de sentar os eixos programáticos de CEU, que en palabras de Manuel González, “vertebrarase en torno a tres piares, máis democracia, máis benestar e máis autogoberno”. González mostrouse satisfeito polo resultado, “xa que sendo forzas políticas diferentes, fomos quen de chegar a un principio de acordo, sendo os mellores herdeiros de todo o capital simbólico de Galeusca”.

"Galiza con voz propia"

As achegas de Compromiso incidiron en aspectos como “a necesidade de que Galiza conte cunha voz propia” en Europa ou a “necesidade de reformar o actual marco político-institucional europeo cara unha Europa máis democrática”.

Manuel González lembrou que a partir deste marco, “desenvolveremos en Galiza campaña propia, programa propio, con candidatos propios e coa marca de Compromiso por Galicia”.  

Comentarios