Compromiso pon a Marea Atlántica como exemplo para a candidatura galega para as xerais

O secretario xeral de CxG e o alcalde da Coruña mantiveron unha xuntanza.

FOTOXOAN_XULIO

Para Compromiso por Galicia a Marea Atlántica é un espello máis que válido onde mirar á hora de tecer unha candidatura galega para as xerais, que pasaría por promover “unha plataforma cidadá galega, unha Marea Galega”. O secretario xeral de CxG, Xoán Bascuas, e o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, mantiveron unha xutanza na cal Bascuas transladou a “ledicia polo resultado da Marea Atlántica na Coruña, polo liderado municipal que están exercendo poñendo ás persoas e ás súas necesidades en primeiro plano e para ofrecer a dispoñibilidade de Compromiso no que eles estimen oportuno”.

Bascuas manifestou, en referenza a esa candidatura, que “é a cidadanía quen ter que exercer esa responsabilidade, e que as organizacións políticas debemos ser simplemente instrumentos”. Este movemento , “que adoptando o nome que adopte, debería parecerse ao que foi a Marea Atlántica da Coruña, onde quen se puxo diante a liderar foi a cidadanía e detrás a empurrar as organizacións políticas, sen veto a ninguén”, debe cristalizar, “nun lugar onte todos e todas nos sintamos cómodos e cómodas”.

Compromiso por Galicia, indica Xoán Bascuas, “non asumirá ningún tipo de posición apriorística nin poremos ningún tipo de condición previa para animar á nosa afiliación e simpatizantes a participar a título individual nesta Marea Galega”, que non debe ser só de nacionalistas, pois “faría falta tamén toda a forza” das persoas de Podemos, BNG, Anova, EU e Compromiso”, pero sobre todo do conxunto da cidadanía que queira participar neste momento histórico”.


 

Comentarios