Alega ter máis representación municipal que Cs

Compromiso recorre a súa exclusión da programación eleitoral dos meios públicos

Nen Cs nen Compromiso teñen presenza neste momento no Hórreo. Tampouco no Congreso polas circunscricións galegas. Porén, Cs si estará na programación eleitoral dos meios públicos ao ser considerado como un “grupo significativo”. Compromiso alega que non é menos significativo que Cs.

image1
photo_camera Bascuas e dirixentes de CxG, no momento de rexistar o recurso

O Plano de Cobertura da CRTVG, TVE e RNE inclui Ciudadanos por lle outorgar a condición de “grupo político significativo” seguindo a doutrina marcada pola Xunta Eleitoral Central nas súas instrucións 4/2011 e 1/2015.

Esa condición permite a unha forza política extraparlamentar (Cs éo no Parlamento da Galiza e éo tamén nas circunscricións galegas ao Congreso e o Senado) estar presente na programación eleitoral -información diaria, debates, entrevistas- dos meios públicos.

Pois ben, Compromiso por Galicia apresentou esta cuarta feira un recurso perante a Xunta Eleitoral de Galicia para demandar precisamente que se lle aplique a mesma consideración de “grupo significativo”.

Argumenta que o feito de que se teña a Cs como grupo significativo e non a Compromiso é unha “evidente discriminación no tratamento informativo de CxG, que vulnera os principios de pluralismo político e social, igualdade e proporcionalidade estabelecidos no artigo 66 da Lei Orgánica do Réxime Eleitoral Xeral”.

Nas eleccións de 2015, CxG obtivo 41 concelleiras e concelleiros e 3 alcaldías, en tanto que Cs ficou con apenas 16 edís e ningún bastón de mando

No recurso, Compromiso lembra que en 2012 apresentou listas ao Parlamento da Galiza e Cs non (naquel momento só operaba en Catalunya), en tanto que nas últimas eleccións xerais o partido galeguista optou por non comparecer (porque, afirma, o seu ámbito de actuación é basicamente o autonómico), en tanto que a formación laranxa si que o fixo, mais sen obter representación.

A diferenza quer marcala Compromiso no ámbito da “presenza institucional de ambas formacións no ámbito territorial galego”. Dito doutro xeito: nas eleccións de maio de 2015, o partido de Xoán Carlos Bascuas obtivo 41 concelleiras e concelleiros e 3 alcaldías, en tanto que Ciudadanos ficou con apenas 16 edís e ningún bastón de mando.

“Os dados da relevancia institucional de ambas formacións políticas (Cs e CxG) no territorio da Comunidade Autónoma Galega poñen de manifesto que considerar Cs como significativo no ámbito galego, aos efeitos da cobertura informativa nas eleccións ao Parlamento da Galiza, e non recoñecer ao mesmo tempo tal condición a CxG produce unha flagrante vulneración dos principios de pluralismo político, igualdade e proporcionalidade recoñecidos no art. 66 LOREX no tocante á cobertura informativa dos procesos eleitorais”, argumenta Compromiso no seu escrito.

Comentarios