O Concello de Pontevedra lanza unha batería de investimentos

Nuns tempos nos que os recortes continúan a estar á orde do día, o goberno local de Pontevedra procura o equilibrio entre o investimento e o aforro, o que derivou nun cómodo colchón de solvencia para afrontar unha morea de proxectos, algúns xa iniciados, e outros que continuarán nos próximos meses.

IMG_1791
photo_camera Obras no casco histórico

Nas últimas semanas, o equipo de goberno desprega un abano de investimentos que, afirman desde o executivo de Fernández Lores (BNG), teñen como obxectivo prioritario mellorar a calidade de vida na bisbarra pontevedresa. Bon exemplo disto, e xa en marcha, podería ser o saneamento do río Gafos. Unha obra necesaria e demandada por asociacións e cidadáns, e que suporá un antes e un despois para os coñecidos “verquidos urbanos” que se dan ao longo do seu percorrido. O concello comprométese a facer un seguimento estrito dunha intervención que xa deu comezo, e que contará cun orzamento de 831.116,30 euros; o que supón unha rebaixa de 26,2% respecto ao prezo de licitación. 

Tamén cun forte sentido ecolóxico, continúa a avanzar o plano para o parque da Fracha. Cun proxecto xa elaborado e unha comisión de seguimento creada, o Concello traballa agora no prego de condicións para sacar a contratación os traballos de posta a punto do futuro espazo produtivo e de lecer da Fracha que inclúe terreos das comunidades de montes de Marcón, Tomeza e A Canicouva. O plan, que se espera iniciar neste mesmo ano, inclúe o acondicionamento das tres áreas de descanso que terá o parque, con plantación de árbores de sombra; a recuperación de bosques de ribeira, novas plantacións, limpeza de especies invasoras; a posta a punto de 26,6 km de sendas e os tratamentos antierosión dos terreos. A entrada ao parque será polo aparcamento en Outeiro Navío, onde chegan as vías asfaltadas. O orzamento total do proxecto é de 2.704.794,23 euros, xa que hai que sumar 60.000 euros ao ano por mor do mantemento. Cabe destacar o labor dos comuneiros, que ceden o uso das súas propiedades durante 35 anos.

Por outra banda, vén de se aprobar o plan de calmado de tráfico (de igual maneira que se fixo en Salcedo) na parroquia de Mourente. Un proxecto que ten un orzamento de licitación de 151.058 euros e que suporá a instalación de máis de 50 redutores de velocidade nas vías municipais que non foron tratadas até o de agora ou nas que non está previsto actuar cun proxecto singular. Trátase dunha continuación a todo o traballo feito na cidade de Pontevedra ao redor da seguridade peonil e ciclista, e que espera funcionar no rural coa mesma eficacia do que no entorno urbano (en sete anos, ningún accidente mortal). Boa parte desta intervención xira arredor das propias peticións de veciños que pedían “lombos” nas proximidades das súas casas para poder desenrolar o seu día a día con maior seguridade. Este proxecto complementará outras actuacións xa realizadas na parroquia como a urbanización do lugar dos Campos por máis de 200.000 euros, os accesos ao Mercantil no lugar de Cons e do Pazo por máis de 120.000 euros; así como as medidas instaladas na avenida de Lugo ou en Santa Margarida. 

Nesta mesma parroquia, os lugares do Pazo, Carabelos, Eirós e Leirados contan dende xa cunha rede de saneamento á que poderán adherirse nas vindeiras semanas. A obra feita permitiu a conexión de 160 vivendas á rede de saneamento e é a última do convenio de colaboración asinado no seu día con Fomento. O proxecto incluíu a instalación de 5.000 metros lineais de tubaxes, ao que se sumou unha rede de recollida de augas pluviais de 852 metros lineais.

IMG_1777O pasado maio aprobábase un paquete de obras para mellorar o acceso a Os Fontáns, na parroquia de Santa María de Xeve, cun orzamento de 234.226 euros para a rehabilitación integral da estrada. Ademais, tamén se licitaron, por 127.843 euros, obras de acondicionamento en Ponte Muíños, parroquia de Lourizán, que inclúen melloras nas beirarrúas e a instalación de novos lombos. 

Asemade, once colexios do municipio gozarán de diferentes traballos nas súas instalacións por valor de 78.188 euros. As actuacións inclúen tarefas de mantemento e conservación (asuntos de competencia municipal), sendo que o resto de intervencións corresponden á Xunta de Galicia. Os centros que se inclúen este ano dentro dos traballos son os CEIP A Xunqueira I, o Álvarez Limeses, o de Cabanas, o Froebel, o Manuel Vidal Portela, o Ponte Sampaio, o Vilaverde, o de Campolongo, a Marcos da Portela; e os EEI Concepción Crespo Rivas e Fina Casalderrey.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, lembrou a pasada quinta feira que ao ter o municipio tanta extensión rural, "non podemos chegar a todos os sitios ao mesmo tempo”, mais apostou en lle dar valor ao esforzo económico que está a facer o concello nos últimos anos para trasladar os estándares de calidade urbana ás parroquias e negar calquera tipo de abandono ou esquecemento do entorno rural. “Gastamos de media cinco veces máis por habitante que no ámbito urbano”, sinalou. 

Dentro do ámbito urbano, o goberno local tamén presentou nas últimas semanas diferentes intervencións. Por un lado planéase a reforma do Gorgullón que estenderá o modelo Pontevedra ao acceso máis urbano do Camiño Portugués a Santiago. O próximo 6 de xullo, vaise convocar unha asemblea pública para a veciñanza coñecer con todo detalle o proxecto elaborado polo concello, un ámbito de participación en que despexar dúbidas e formular suxestións.

No casco histórico, a intención é que a rúa Tristán de Montenegro mude dun espazo público desaxeitado e obsoleto nunha zona para uso e gozo de veciños a paseantes. As obras xa deron comezo, ao igual que o farán os traballos de accesibilidade na rúa Cuña Novás cos que se ampliarán as beirarrúas até cumprir os estándares, creando así dous carrís de dous metros e medio de ancho.

Tamén se encargou un estudo para a reordenación e mellora da estrada vella de Marín (Rosalía de Castro) no treito que vai dende o cruzamento coa avenida Fernández Ladreda e a ponte da vía do tren en Mollavao. Este traxecto é unha das entradas e saídas históricas de Pontevedra, e aínda que o groso do tráfico sexa canalizado pola autovía da ría, mantén un nivel de tráfico medio, así coma o paso do transporte público que une ambos concellos. A alta urbanización coa que conta deriva na necesidade dun proxecto de adecuación aos estándares de calidade urbana e de vida que o Concello pontevedrés trata de engadir en todas as rúas. A complexidade da obra, ben como a necesidade de colaboración entre as diferentes administracións (Concello, Costas do Estado e Xunta de Galicia), derivou na tardanza da elaboración deste plan.

Por último, destaca a actuación que se levará a cabo no aparcadoiro da rúa Alexandre Bóveda, que inclúe un novo firme ademais dunha mellora das súas beirarrúas. A zona presenta na actualidade un chan desfeito e cheo de fochancas, o que dificulta a normal condución pola zona. A problemática será corrixida cunha execución na que non se perderán prazas de aparcadoiro segundo explicou o portavoz do goberno local, Raimundo González. Contará cun orzamento de 241.587 euros, case o mesmo que o empregado na reparación da zona de baño da praia fluvial do Lérez (229.684 euros), que se sumarán as rehabilitacións da rúa do Costado, por 235.591 euros e a posta a punto do entorno de Mato da Trepa, en Lourizán, por 207.374 euros.

Nota: Na fotografía inserida no meio do texto, da autoría de C.P., recóllese o actual estado do aparcadoiro da rúa Alexandre Bóveda. Está prevista a realización dunha obra de mellora cun orzamento de 241 mil euros.

Comentarios