Concentración denuncia na Coruña a 'hipocresía' da cimeira de altos directivos no Palexco

'Fóra a mafia da nosa cidade, fóra o Borbón da nosa nación' foi unha das consignas dunha mobilización que rexeitaba a cita na cidade dunha parte dos poderes económicos e institucuonais do Estado.

bng palexco coruña

A Coruña é unha cidade con 19.653 persoas rexistradas no desemprego (dados do Ministerio de Trabajo) e onde por volta do 13% das familias están na pobreza ou limiar da pobreza (Instituto Galego de Estatística). Mais nada diso asomou na Cimeira organizada no Palexco pola Confederación española de directivos e executivos (Cede) e na que se deron cita importantes nomes do 'establishment' económico, político e institucional do Estado español. De Felipe VI a Núñez Feijóo, pasando polos presidentes de Telefónica, César Alierta, e de Inditex, Pablo Isla.

Ás portas do Palexco, unha concentración de repulsa, convocada polo BNG baixo o lema 'Galiza, a favor do pobo. Soberanía, Democracia, Traballo'; lembraba a outra cara da moeda que se vendía dentro do pazo. “Fóra a mafia da nosa cidade, fóra o Borbón da nosa nación” foi unha das palabras de orde. “Para nós o sacrificio, para eles o beneficio”, outra. Un protesto onde se escoitaron voves moi críticas co papel do goberno local nesta cimeira.

No protesto conviviron as voces que denunciaban determinadas loitas e conflitos laborais na cidade coas que alertaban do risco de 'impunidade' no 'Caso Jimmy', o seareiro coruñés asasinado por ultras do Atlético de Madrid; ou as que demandaban a soberanía para Galiza como ferramenta para unha outra sociedade máis xusta e afastada da que representaba a que esas horas se reunía no Palexco

Comentarios