O Consello Nacional do BNG propón ás asembleas ir a Europa en coligación con EH Bildu e as CUP

O Consello Nacional ratificou a candidatura a presentar pola fronte nacionalista na cita do 25 de maio, encabezada por Ana Miranda. As bases do BNG debaterán e opinarán agora sobre a proposta de coaligación para os europeas nun proceso no que, lembrou o portavoz nacional Xavier Vence, a militancia ten a última palabra

Consello Nacional 8 FEB
photo_camera Consello Nacional 8 FEB

Unha coaligación con EH Bildu e a Candidatura dÚnitat Popular (CUP), esa é a proposta que o Consello Nacional do BNG eleva á militancia para concorrer ás eleccións europeas do vindeiro mes de maio. Serán agora as bases da fronte nacionalista que, nas asembleas comarcais, debatan e decidan sobre esta proposta de unidade da esquerda soberanista para a cita do 25 de maio.

Para o Consello Nacional, esta fórmula é a que mellor garante, nunha cita coas peculiaridades das europeas (o Estado é circunscrición única), que Galiza teña voz de seu en Europa.

En realidade, o debate esta mañá cinxíase a dúas escollas posíbeis. Ou ir en coligación con EH Bildu e a CUP -esta última organización aínda non ten tomado formalmente a decisión de concorrer ao proceso eleitoral, embora todo apunta a que si o fará- ou facelo con Esquerra Republicana de Catalunya. En realidade, a opción natural tería sido unha candidatura BNG-EH Bildu-ERC, mas a aposta dos republicanos en non iren coa esquerda abertzale tronzou esa perspectiva.

Agora, o Consello Nacional aposta en EH Bildu e a CUP, unha coligación que permite visualizar a alianza das tres nacións sen Estado, cousa que non sería posíbel de ter optado por ERC.

A preguntas dos xornalistas, a posibles acordos co Anova, o portavoz nacional Xavier Vence salientou “que a proposta que o BNG fixo desde o principio segue encima da mesa”, pendente de que esta forza política decida cales serán os seus aliados de cara as eleccións europeas.

Comezar e rematar nas bases

“O proceso comeza nas bases e remata nas bases”, explicou o portavoz nacional, Xavier Vence en relación ao procedemento que o BNG está a seguir para as Europeas. Na xuntanza deste sábado tamén se aprobou a candidatura encabezada por Ana Miranda. A listaxe obtivera nas asembleas comarcais o apoio do 93% da militancia (5,5% de abstencións e só un 1,2% en contra).ç

O Consello Nacional do BNG aposta en EH Bildu e a CUP, unha coligación que permite visualizar a alianza das tres nacións sen Estado, cousa que non sería posíbel de ter optado por ERC

Miranda encabeza o que Vence cualificou de “candidatura da cidadanía”. Eurodeputada na presente lexislatura, Ana Miranda desenvolveu, dixo Vence, “un traballo brillante e sen descanso” en defensa dos sectores produtivos e dos colectivos sociais agredidos pola crise.

Como número dous da candidatura figura o portavoz municipal da Coruña, Xosé Manuel Carril, de tres a xornalista Olaia Rodil; Xesús Domínguez, portavoz dos estafados polas preferentes, de número catro; Alba Fidalgo, activista contra os abusos bancarios, de cinco, Suso de Toro, escritor e ensaista, de seis, seguidos de Isabel Risco, actriz; Manuel Moreira, médico e portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública; Victoria Louro, activistas do movemento feminista e Cesar Rodríguez, traballador do sector naval de Vigo.

Unha Europa dos pobos

O máximo órgano entre asembleas nacionais tamén aprobou as trabes principais do programa electoral que o BNG presenta ante a cidadanía galega. Unhas propostas que ten como “mensaxe central” dotar de “voz directa a Galiza en Europa”, rachando co papel dependente do noso país ao Estado español, tamén ante as institucións comunitarias.

O BNG preséntase “como forza útil para Galiza en Europa”,e como “o valedor dos intereses dos sectores produtivos da economía galega, para frear a destrución a que os aboca o actual modelo da UE”. A isto engádese o papel do BNG como garante de compromiso por outra Europa máis xusta e solidaria.


 

Comentarios