Os representantes do BNG na Deputación de Lugo renuncian formalmente ás súas áreas de goberno

Bieito Lobeira, coordenador da área de Organización do BNG, afirma que o acordo asinado polo PSOE co PP nos orzamentos da entidade provincial “obriga o Bloque a revisar a política de pactos” cos socialistas.

IMG_8162

Antonio Veiga e Xosé Ferreiro, do BNG, presentaron esta terza feira a súa renuncia formal ás responsabilidades de goberno que viñan desenvolvendo na Deputación de Lugo, unha decisión que ten orixe no acordo atinxido polos seus socios de goberno, PSOE, co PP e o deputado non adscrito, Manuel Martínez, para aprobar os orzamentos. Veiga e Ferreiro defenderon o traballo desenvolvido nestes meses na entidade e criticaron o acordo dos socialistas cos populares e Martínez, aos que responsabilizou “dun ano de boicot e parálise da provincia”. Veiga dixo que ante o acontecido “é difícil reconducir” a situación mais tamén manifestou a seguir que en política “nada se descarta”

Os dous representantes provinciais do BNG estiveron acompañados por Bieito Lobeira, coordenador da área de organización e Noa Presas, responsábel da área de política institucional, que avalaron a postura dos seus compañeiros e dixo que o paso dado polos socialistas na Deputación de Lugo podería ter consecuencias alén desta entidade provincial. “Esta decisión [o acordo co PP para os orzamentos] obriga o BNG a revisar a política de pactos co PSOE”, engadindo que cando o Bloque asina un acordo con outras forzas “é para cumplilo”.

“Non nacemos para caciquear”

Lobeira cualificou de “grande coligazón nauseabunda” a que se forma polos socialistas cos populares e Manuel Martínez, a quen chamou “tránsfuga ególatra”, para aprobar estes orzamentos. Defendeu que había outras vías para sacar adiante as contas provinciais sen ter que recorrer a un pacto como o acadado e defendeu o posicionamento do BNG perante o acordo porque “non nacemos para caciquear”.


 

Comentarios