A dirección de PDD desactiva polo de agora a moción de censura en Fene

Os portavoces do Partido Popular, Gumersindo Galego, e PSdeG, Antón Noceda, así como o concelleiro de Somos Fene César Castro, acudiron este mediodía ao Concello de Fene, acompañados doutros edís do PP, para rexistrar unha moción de censura que finalmente tiveron que retirar por un defecto de forma.

colagem
photo_camera Juventino Trigo, na colaxe de cartaces coa que comezou a campaña de 2015

Era cuestión de tempo -o ruxe-ruxe leva meses na rúa- que as tres forzas da oposición concretasen a moción, unha decisión da que xa se viña falando cando menos desde finais do ano pasado, logo de o alcalde do BNG, Juventino Trigo, ter retirado as competencias aos cinco edís –tres do PSdeG e dous de Somos Fene- que até agosto facían parte do goberno local, canda os catro concelleiros dos nacionalistas e a representante de Esquerda Unida, polos incumprimentos pactados para a elaboración dos orzamentos. 

Os impulsores da moción de censura tiveron que dar marcha atrás na súa decisión e retirar a moción após a secretaria lles comunicar que unhas horas antes recibira por vía telemática unha certificación na que o responsábel de Organización do partido Participación Democrática Directa –matriz de Somos Fene-, Ramón Mouriño, informaba do acordo adoptado na noite de onte pola Coordinadora Nacional da formación polo cal se lles retiraba aos edís de Somos Fene, César Castro e Xosé Manuel Rodríguez Bastida, a representación de PDD na corporación municipal de Fene, solicitando asemade que pasen a a seren considerados concelleiros non adscritos. 

O escrito remitido por PDD explica que o partido se desvincula de “calquera actuación que realicen estas persoas” e insiste en que “as candidaturas promovidas por PDD teñen como obxectivo principal  promover a participación dos veciños nos concellos e mudar os xeitos de facer política, polo que á vista das novas recibidas dunha negociación para unha posíbel moción de censura, non podemos amparar actuacións que vaian en contra do espírito e principios que inspiraron estas candidaturas”. 

A negociación da moción non só está a provocar marexada en Somos Fene. A semana pasada, o secretario xeral do PSdeG de Fene, Joaquín Ayala –tamén concelleiro- e o responsábel de Organización, José Pico, presentaron a súa dimisión dos seus respectivos cargos orgánicos como medida de protesta pola preparación da moción de censura, que contaría co visto e prace dos outros dous concelleiros socialistas na corporación fenesa. 

A corporación de Fene constituíuse en xuño de 2015 con 7 concelleiros do PP, 4 do BNG, 3 de PSdeG, 2 de Somos Fene e 1 de Esquerda Unida.

Comentarios