Obituario

Falece o ex alcalde de Oroso Félix Rodríguez Vieites

Obtivo o bastón de mando en 1979 da man da UCD e despois continou no cargo con Coalición Galega.
O ex alcalde de Oroso Félix Rodríguez Vieites, no centro. (Foto: Concello de Oroso)
photo_camera O ex alcalde de Oroso Félix Rodríguez Vieites, no centro. (Foto: Concello de Oroso)

O que fora o primeiro alcalde de Oroso (comarca de Ordes) após a Transición tras obter o bastón de mando da man da extinta UCD primeiro, en 1979, e despois presentándose como candidato de Coalición Galega Oroso, Félix Rodríguez Vieites, faleceu nas últimas horas, segundo vén de informar o propio Concello.

Nun comunicado publicado en redes sociais, o consistorio lembra que Félix Rodríguez Vieites, veciño da parroquia de Deixebre e perito de profesión, dedicou gran parte da súa vida ao servizo público, sendo un referente na historia deste municipio.

Rodríguez Vieites foi elixido alcalde en 1979 representando á Unión de Centro Democrático (UCD) fundada por Adolfo Suárez. Durante a súa década de mandato, até 1989, liderou importantes proxectos para o desenvolvemento de Oroso.

Posteriormente, continuou o seu labor como alcalde baixo as siglas de Coalición Galega. O actual rexedor, Álex Doval, trasladou en nome de todo o Concello o máis sentido pésame á súa familia e seres queridos.

Comentarios